Chove en Pontevedra, meu doce amor: o mal tempo non detén a homenaxe a García Lorca e Carlos Taboada
Chovía en Pontevedra, como o fai en Compostela nos versos de Federico García Lorca ("Chove en Santiago, meu doce amor"), e houbo que cambiar o roteiro da Semana Lorquiana, que habitualmente se celebra polos puntos da cidade que visitou o autor de Granada, por un percorrido alternativo dentro do Museo.
"O ceo púxose de acordo en chorar a Charlie, así que imos improvisar e facer unha visita guiada interior en relación con Federico García Lorca", explicaba este domingo, ao inicio do acto, Kike Mauricio. "Este roteiro sempre é especial, pero hoxe éo máis aínda porque imos homenaxear ao meu colega e socio, Carlos Taboada".
Mauricio lembráballe desta maneira aos asistentes que, tal como se anunciara, a Semana Lorquiana, que el e Taboada puxeron en marcha en 2019, concluiría este ano co habitual roteiro, pero realizado en homenaxe ao seu amigo e socio en Polo Correo do Vento, falecido o pasado verán. A súa lembranza estivo presente dende este momento ata o final da visita.
O percorrido comezou con Kike Mauricio lembrando a forte conexión que Lorca tivo con Galicia dende que a visitou por primeira vez en 1916 e "sentiu un frechazo". No ano 1932 visitou Pontevedra en dúas ocasións. A primeira, en agosto, co seu grupo de teatro, La Barraca. A segunda, en novembro, convidado polo Comité de Cooperación Intelectual, para impartir unha conferencia, no cine Coliseum, sobre a pintora cubista María Blanchard. Dous anos despois, en Bos Aires, diría nunha entrevista: " Yo soy un poeta gallego". En 1935 publicou o libro Seis poemas galegos.
"Lorca foi candidato ao Día das Letras", lembrou Kike Mauricio. "Tanto Carlos coma eu defendémolo, porque a literatura non se mide ao peso".
No segundo andar do edificio Castelao comezou o roteiro deténdose ante unhas caricaturas de Manuel Quiroga e de Álvaro Cebreiro. O primeiro fíxolle unha ao compositor Manuel de Falla, que mantivo unha relación moi estreita con Lorca; o segundo, ao propio Lorca. Kike Mauricio aproveitou "para poñer en valor ao Lorca músico".
"La luna es un pozo chico"
Precisamente a música acompañou o roteiro en distintas paradas. Marcelo Dobode e Antón Ke, colaboradores habituais de Polo Correo do Vento, interpretaron aquí unha versión de Zorongo gitano: "La luna es un pozo chico/ las flores no valen nada;/ lo que valen son tus brazos/ cuando de noche me abrazas".
Vestidos, como Mauricio, con monos azuis como os de La Barraca, co emblema que lle deseñou Benjamín Palencia reinterpretado por Dobode, os dous músicos salpicaron o percorrido de cancións dedicadas a Maruja Mallo ou ás Misións Pedagóxicas. Tamén ao fillo falecido aos 14 anos de Castelao, Chuchiño. Interpretaron para el unha versión musicada de Canto nocturno del adolescente muerto, do poeta andaluz.
A narración de Kike Mauricio lembrou as importantes relacións (de amor, de afecto e de amizade) que mantivo Lorca con galegos como Ernesto Guerra da Cal ou a mencionada Maruja Mallo.
No paseo polo terceiro andar falouse especificamente disto. Por exemplo, da cea en Santiago, no Bar Viño, na que Lorca compartiu mesa con Carlos Maside, Luís Seoane e Xosé Eiroa, entre outros. Tamén se falou da súa admiración pola obra de Laxeiro e se aproveitaron os azulexos de Dalí e os debuxos de Alberti expostos no Museo para falar da importancia da Residencia de Estudiantes na súa traxectoria. Alí conviviu con eles todos Celestino Poza Pastrana. Diante dun cadro seu rematou o roteiro.
"Son testemuña do amor de Carlos por este museo", dixo aquí a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve. "Sentímolo, igual que a Kike, parte de nós. Sempre estará presente".
A homenaxe pechouse con dúas cancións. A segunda canción era unha homenaxe directa a Carlos Taboada. "A maxia non se adestra".
