A idade adulta
Hai un punto de inflexión na vida ao que se adoita chegar á beira dos 30 anos. Non se trata de asinar a primeira hipoteca -e única, con sorte-, nin ten tampouco que ver con acadar, xa non digamos unha estabilidade laboral, tan só certa dignidade, que é todo ao que hoxe pode aspirar esta xeración. E non se nos ocorra levantar a voz. O pico da madurez non chega tampouco coa adopción dun can en parella, á idade na que os nosos pais e nais agardaban polo segundo fillo, nin co triunfo de ser quen de autoabastecerse e comer caseiro todos os días, o cal, nestes tempos de andar ás présas, non é pouca cousa. Nada disto, non.
O cumio da adultez ten unha pegada máis fonda. Vén de súpeto, pero despois dun longo percorrido. O camiño non é o mesmo para todo o mundo, pero o destino, o momento de claridade, é ineludible. Chegas a el cando comezas a comprender, letra por letra, as cancións de Quique González. E subes o volume no coche, asentindo coa cabeza, ante unha revelación.
Escoiteino en directo por primeira vez haberá uns 15 anos e moitas cousas, lóxicamente, mudaron dende entón. A última foi esta fin de semana: unhas electroacústicas e dúas voces ante o patio de butacas. Por iso é tan importante o que fixo -o que fai- Vilagarcía co ciclo de concertos 'Achégate ao Salón!'. Porque é fácil seguir a corrente, pero poucos se atreven a mirar aos ollos aos adultos de hoxe -adolescentes do pasado- e afirmar: "Seguimos aquí".