Estamos xuntas

Rosa María Calaf, momentos antes da súa intervención no foro 'As mulleres que opinan son perigosas'. RAFA FARIÑA
Rosa María Calaf, momentos antes da súa intervención no foro 'As mulleres que opinan son perigosas'. RAFA FARIÑA

Díxoo a xornalista Antía Paz no foro As mulleres que opinan son perigosas, que acaba de celebrar a súa VI edición no Teatro Principal de Pontevedra: "Non estamos soas, estamos xuntas". E menos mal. Paz rememoraba así unha frase reveladora da súa filla cando, aínda cativa, deulle alento con ese instinto de supervivencia que, á forza da nosa realidade, acabamos por adquirir as mulleres.

Dende os meus 29 anos recén estreados ata os 77 da histórica Rosa María Calaf, vin pasar fronte a min un treito ben longo de loitas lexítimas, malas experiencias vividas e revividas, necesario inconformismo e un eterno despregue de talento xeneroso, dese que tende a man e dá folgos para continuar. Porque o xornalismo é unha profesión que escoita, que perdoa, que aprende, que discrepa e que vive coma se cada día fose unha nova oportunidade para mudar as cousas, para rachar os teitos de cristal, un a un, e para erguer por fin a mirada tímida, e cravar os nosos ollos orgullosos nos de quen nos diga que non valemos, que non o merecemos e que non duraremos.

E pode que así, un bo día, poidamos borrar dunha patada séculos de patéticas ladaíñas sobre a nosa roupa, o noso sorriso e os nosos corpos, e de paternalismo abusivo que nos diminúe, nubrando históricamente traxectorias brillantes nesas redaccións voraces nas que alomenos nos temos unhas ás outras, pero tamén as temos a elas.

Comentarios