Facer o maio
Resulta complicado explicarlle a quen nunca pasara na Ferrería o 1 de maio que é exactamente un maio. Moito máis aínda: que é facer o maio. Se me preguntan, póñome a describir un procedemento que comeza canda a propia memoria, na infancia, e que chega ata hai hoxe unha semana, na noite antes do día clave, cando todo pode pasar. Na que un cartucho mal combinado cunha rosa silvestre sobre o fiúncho é quen de desencadear toda unha crise existencial ás tantas da madrugada, que adoita pecharse cun "agora xa está". Pero -é o meu mantra- pola mañá o resultado sempre semella mellor. Nunca falla.
Ás amizades que escoitan sen pestanexar este delirio pragado de flores e rimas retranqueiras, só lles quedan claras dúas cousas: que a xente que fai o maio dorme pouco, e que quizais merece a pena deixarse contaxiar polo entusiasmo. Por isto, adoitan acudir á Ferrería en sinal de apoio, agarimo e respecto. Iso, e o compañeirismo entre asociacións e colexios, a deportividade e a humanidade demostradas na pasada edición 2025 son o motor de todo. A chama que prende e arraiga as tradicións de xeración en xeración e que ilumina ata os anos máis escuros, coma o arco da vella que a iso das oito da tarde do 1 de maio foise deitar sobre o campo da festa de Campañó.
Tárdase máis en colocar unha rosa con certa lóxica e demasiado mimo, que en baleirar toda unha leira de pampullos. O que parece simple, adoita ser un gran valor.