En Galicia, sempre máis II

Vista aérea da superficie calcinada na Mezquita (Ourense), con máis de 10.000 hectáreas. BRAIS LORENZO/EFE
Vista aérea da superficie calcinada na Mezquita (Ourense), con máis de 10.000 hectáreas. BRAIS LORENZO/EFE

Póñanme a caer dun burro se queren -quedan tan poucos xa no rural galego, que pouco dano me ía causar-. Pero cando vin asomar as primeiras pingueiras do ceo cuberto deste mércores, todos os meus temores esvaecéronse. Alí estaba, por fin, a nosa salvación. Todos os esforzos das administracións por afastar as lapas dos fogares, baténdonos finalmente na caluga. Xente de pouca fe!

Sei que moitas veces abrodei nesta columna o meticuloso funcionamento do Plan anti incendios da Xunta. Pero é que non podo deixar de abraiarme, cada verán, con semellante efectividade. É o Plan definitivo que toda España debera copiar. En Galicia funciona, non importa canto tarde. Estaba todo calculado e coido que a pasada semana dramaticei de máis. Que lle queren, cousas do oficio.

A administración autonómica estaba preparada pero, malia todo, non puido evitar o chamuscado dunhas cantas hectáreas de monte. Agora, os esforzos céntranse en apoiar económicamente á caza que, claramente, debe ser a prioridade. Dende Madrid Feijoo tamén propón abrir unha listaxe de pirómanos. Había que valorar a súa proposta, aválano longos anos de impecable xestión dos lumes en Galicia, cun resultado do 100% de éxito: todos eles extinguidos. Mágoa que en Castela e Andalucía non chova no mes de agosto.

Comentarios