Informar de fronte
Cada crise é unha nova oportunidade para o autodescubrimento. Se considera que nunca atravesou ningunha significativa, pode que pasara a pandemia de 2020 tirándolle rendemento á subscrición ao paquete completo de plataformas de streaming, con breves pausas para mercar papel hixiénico e aplaudir no balcón. Cos fociños metidos na eterna pantalla, quizais se adicara a agardar e consumir -e viceversa-, mentres, fóra, as institucións xestionaban -case sempre mal- e xurdían expertos de debaixo das pedras.
Hoxe non sabemos o que opinar sobre o apagón do luns, porque a información foi –está sendo– un privilexio. Porque onde antes houbo ruído, un país enteiro bateu contra un silencio dos que pesan de verdade. E iso non lle gustou a ninguén. Nin sequera aos que se crían amos e señores de todas as verdades. Incluso eses, na desesperación por atopar respostas, recorreron a aquilo que pensaban que xa non ían precisar máis, e acenderon a radio a pilas. E onte almorzaron as 24 páxinas de Diario de Pontevedra que, como conta tan bonito hoxe Belén López, foron un pequeno milagre obrado pola vocación. Cando saíron da casa e levantaron a vista, por fin, atoparon de fronte a información. E a vida real, que sempre estivo aí, ao igual que o xornalismo disposto a contalo todo, incluso cando apenas pode contarse a si mesmo.