A liberdade de expresión

Cando Benedicta Sánchez (Lugo, 1935) repasaba hai unhas semanas, nun programa da televisión pública galega, a sucesión de acontecementos e recoñecementos profesionais que deu en vivir  logo de debutar como actriz —protagonista— en O que arde (2019), confesou tamén unha verdade absoluta que lle naceu no máis fondo dese corpo miúdo de espírito xigante: nin o peso do Goya que sostivo a pulso, logo de semellante experiencia vital, lograra suplir a honra de levar xa gravada no peito a Medalla Castelao.

No recuncho da alma onde se agochan as vivencias que, en certos momentos da vida, abren un camiño de non retorno, estaba a súa adolescencia: "Quen mo ía dicir a min, que lía Cousas, de Castelao, con 13 anos, cando aínda estaba prohibido". E, a través da pantalla da televisión, pareceume entrever, durante uns segundos, unha ollada moito máis fonda.

Os 45 relatos que viron a luz en conxunto, por primeira vez, en 1926, falan da emigración, da amargura, da pobreza, da vida e da morte, lidos e relidos ás agochadas dunha censura crúa que marcou logo, coma a de Benedicta, a ollada de toda unha xeración que nada podía cuestionar, nin sequera pensar. Agora, na hora da liberdade de imprenta e expresión, é tamén a hora da ética. Nas editoriais, e ante o asasino de dous menores, o debate debera rematar onde comezan os dereitos humanos. 

Comentarios