O prezo do papel
Plana completa. Fondo branco. Tipografía en cursiva elegante, que parece ser discreta, pero, en realidade, o que menos pretende é pasar desapercibida. Moitos de vostedes evocarán a imaxe. En negriña, a palabra "amor mío". O nome dese suposto amor, Lola, é secundario.
Cando hai uns días un coñecido xornal de gran alcance difundiu a través das súas redes sociais a inusual - e un tanto estremecedora - esquela que contratara un cliente anónimo para lembrar os 20 anos de ausencia da protagonista, o primeiro obxectivo do xornalismo paralelo foi poñerlle prezo a semellante acción: 20.000 euros de papel. Ao tempo, prendíase o debate, entre a tenrura e a tetricidade con envoltorio de amor.
Noutra época, un coñecido xornal catalán tivo a revolucionaria e rentable idea de levar as esquelas mortuorias á portada. A morte en primeira plana acabou por converterse, na Barcelona das tres primeiras décadas do século XX, nun símbolo de status social. Nunha garantía de eternidade fronte á perda dunha historia de vida, da que só queda o consolo dun nome impreso nesas páxinas que tamén viven das historias.
Non hai prezo na morte, nin tampouco no amor. É sempre mellor intentar encher, con verdade e agarimo, esa páxina en branco.