Tamén matan

Podédelo seguir negando. Si, vós, os do discursiño de 'as mulleres tamén matan'. Os que botades por diante aquilo de 'tamén hai homes maltratados'. Os inventores da frase célebre máis misóxina deste século: "E para cando o día do home?". Vós, que vos adicades a difundir nesa rede de redes -alimento transxénico para o cerebro, que hoxe é X- novas sobre denuncias falsas sen ton nin son, tan manipuladas, sen contexto nin perspectiva, coma as vosas propias intencións. Os que vos sentides atacados cada vez que saímos ás rúas e priorizades o impulso de comunicarnos inmediatamente os vosos pareceres ao respecto. Nada máis importante neste mundo que a avaliación masculina sobre as desigualdades que sofren na propia pel e a costa da súa saúde mental as mulleres, claro está. Pero aínda sodes peores os que ides de 'aliados'. Os da dobre cara. Os que ao principio parece que contan e, á hora da verdade, só contan contos.

Negade aínda a violencia machista se queredes. Atrevédevos hoxe, poucos días despois de que un maltratador calcinara dentro do coche, con el, a unha muller, aquí ao lado, no municipio veciño. Escribide en Facebook sen que vos caia a cara de vergoña e aplaudídevos entre vós. Non sintades culpabilidade se descubrides, quizais algún día, que as vosas palabras tamén matan.

Comentarios