O acubillo dunha librería
Cando era pequena ía á misa todos os domingos ás dez e tamén as festas de gardar. Lembro con cariño e nostalxia, e un punto de resignación, aquelas mañás frías nas que ás veces quedaba durmida ao lado da Inmaculada e da Virxe das Dores, co corazón atravesado por espadas. Lembro tamén a superioridade, cun punto de envexa, coa que miraba a todas aquelas persoas que durmían os domingos ata as doce pero que chegaban puntuais o Domingo de Ramos ou o Día do Santísimo, coas súas fermosas palmas e os seus vestidos de estrea.
Unha sensación parecida é a que teño estes días entrando a calquera librería da cidade, ateigadas como calquera xoguetería, bar ou administración de lotería. Querería dicirlles que son lugares aos que ir durante todo o ano e non só no Día do Libro e nestas datas buscando un agasallo que ten todas as de triunfar, aínda que sexa o último bestseller, pero despois penso que que marabilla.
Que dá gusto velas como un acubillo onde atopar unha lectura refuxio para estes días de frío, unha recomendación dunha libreira que triunfará debaixo da árbore de Nadal, un regalo perfecto pensando no destinatario, ou o o lugar onde aprovisionarse de lecturas para estas festas e para todo o vindeiro ano. Porque o Jólabókaflód non se vai facer só. Hai que facelo.