Autenticidade e rock 'n' roll
Imaxinades ir a un concerto decidíndoo unha hora antes e sen ter entradas? Neste mundo no que vivimos hoxe en día é un asunto prácticamente imposible. Leo comentarios de persoas que perden mañás enteiras por estar pendentes de listas de agarda en ordenadores, tabletas e móbiles para intentar comprar, con estraños códigos, un ticket que lles dea acceso a un deses concertos-que-non-podes-perder e que, no mellor dos casos, che fará un furado no peto -os gastos de xestión (que xestión?) coroan a experiencia- que só esquecerás se o concerto é, realmente, inesquecible.
E despois están outras experiencias, a dos concertos en salas, eses aos que chegas un chisco antes, de forma case inesperada, e soltas 14 euros na billeteira para poñerte en primeira fila, diante dunhas ducias de persoas, para asistir a unha auténtica comunión de música e actitude. Como nos vellos tempos, pero sen fume no ambiente.
Foi o caso de The Darts a semana pasada en Radar Estudios, en Vigo. Christina, Rose e Nicole, tres mulleres de Phoenix (Arizona), coa fichaxe da francesa Lou Sordo para a xira europea, botadas para adiante, que tocan e cantan que dá xenio velas e que ao incontestable talento lle suman a actitude propia dunha banda de garage-punk-rock e unha riquiñez máxima fóra do escenario.