Bomba, praia, inanición

Palestinos agardando a recibir alimentos en Gaza. FOTO OMAR ASHTAWY (EUROPA PRESS)
Palestinos agardando a recibir alimentos en Gaza. FOTO: OMAR ASHTAWY (EUROPA PRESS)

Un bebé morrendo de inanición. Unha posta de sol na praia máis bonita do mundo. Unha bomba facendo estalar edificios en mil pedazos. Un titorial de maquillaxe á última moda. Nais desesperadas con meniños sucios no colo cun prato baleiro nas mans. O teu vestido favorito aínda máis rebaixado. O berro de auxilio dunha ONG. A última novidade editorial... E así ata o infinito. 

Podería ser un scroll calquera nas stories de IG nun día calquera de agosto de 2025. A disonancia que nos fai sentir as peores persoas por seguir coa nosa vida coma se nada, con sorte incluso de vacacións ou de viaxe, mentres compartimos imaxes felices ao mesmo tempo que esiximos a Israel que deteña ese xenocidio para o que hai tempo que se esgotaron as palabras.  

O primeiro paso é evitar a indiferenza. Apostaría que o 99% da xente de a pé faría o que puidese para frear a matanza infernal en Gaza, mesmo deixar de ir a certos festivais ou consumir certos produtos, se valese de algo, mesmo baixar da roda do capitalismo, se iso fora posible. O peor é non saber ata onde chegan os seus malignos tentáculos. Quizais si o saiban eses líderes de opinión que acumulan millóns de seguidores e que, cun chisco de esforzo e conciencia, poderían poñer o su gran de area.

Comentarios