De cando Bon Jovi tocaba en Briallos
Aínda hai quen bota de menos que o festival PortAmérica se celebre na carballeira de Caldas. Hai tamén quen bota en falta, directamente, o Cultura Quente, nun evidente exercicio de nostalxia por uns tempos nos que tiñamos máis xuventude (divino tesouro) e menos responsabilidades e tampouco se resentían as lumbares.
Cando en 2021, por cuestións técnicas, o festival se trasladou a Portas produciuse un pequeno terremoto. Seica a idea era regresar, pero a evidencia é a que é, pois o recinto da Azucreira é o sitio natural no que xuntar a 65.000 persoas en tres días para desfrutar da mellor música e a mellor gastronomía, un espazo no que despregar unha inmensa e milimétrica loxística que, máis que un pequeno milagre, é a clave para que todo saia perfecto e puntual. Os localismos quedaron ben lonxe e hoxe en día ninguén dubida de que, máis aló dos pequenos negocios da Estación, Caldas segue a ser a grande beneficiada pola riqueza que este evento deixa na hostalería e no resto do sector servizos.
E todo grazas á enorme visión de Kin e a un festival que volveu á comarca como o fillo pródigo do Cultura Quente para medrar en oportunidades e en público. PortAmérica non é tan distinto daquel meu soño adolescente de ver tocar a Bon Jovi en Briallos. É aínda mellor.