Blog | Non tes tu fe

Casting de pediatras

Cristina Pedroche. ANTENA3
photo_camera Cristina Pedroche. ANTENA3

As redes ardían a semana pasada despois de que a presentadora televisiva Cristina Pedroche fora entrevistada no programa El Hormiguero para promocionar o seu libro Gracias al miedo, no que expón as súas reflexións tras converterse en nai dunha cativa que xa ten case once meses. Aquí é onde aviso de que non vin a entrevista, nin penso, porque non me pagan suficiente por aguantar ese presentador. Aínda así foi sinxelo enterarse de que Cristina admitiu que fixera un "casting de pediatras" porque, xustificou, "hay grandísimos profesionales, pero también hay muchas cosas que tenemos que mejorar. Los médicos pasan tanto tiempo trabajando que no tienen apenas posibilidad de formarse y actualizarse".

Caéronlle de todos os lados, claro, empezando polo propio gremio da medicina e seguindo por todas aquelas persoas que non ousarían contradicir a un médico. (A unha médica, xa tal).

Non serei eu quen negue que existen, efectivamente, enormes profesionais no sector, pero tamén sei que non faltan aqueles que non teñen nin idea dos beneficios da lactancia materna, sobre todo a partir dos seis meses ("tu leche ya no alimenta"), nin do baby led weaning., que seguen dando pautas de alimentación anacrónicas e xeralizadas en fotocopias case ilexibles, alleas totalmente ás investigacións das últimas décadas. Que descoñecen o contraproducentes que son os andadadores, por exemplo, e non teñen idea do que significa o porteo respectuoso. Porque xa se nos metemos no asunto da violencia obstétrica, que tantas veces se atreven a negar, necesitaría outra columna.

Comentarios