A confección, un acto político
"La confección es un acto político", dixo Ramón Santos, un rapaz da Coruña que hai cinco anos colleu o traspaso dunha mercería coruñesa de toda a vida, La Crisálida. Leo a súa historia, a do establecemento con 80 anos de vida na rúa San Andrés, e penso que, despois desta metamorfose, non lle pode acaer mellor o nome. Léoa nunha recomendable reportaxe de Raquel Peláez en S Moda e os ollos vanme detrás desas palabras que conforman o mosaico das costureiras, desde os festóns aos guipures e das puntillas aos fíos como o agremán.
Como quen entra nunha sala agochada detrás dun andel de biblioteca, La Crisálida representa unha viaxe ao pasado que ten cada vez máis sentido neste tempo de consumismo atroz vencellado directamente coa crise medioambiental.
A confección é un acto político cando rescatamos aquel abrigo da avoa que poñía para ir á misa nos anos 80 ou aquel pantalón acampanado que tanto se levaba no cambio de século. Agora, en pleno cambio de armario (chegou o outono definitivamente? Podemos gardar xa as sandalias?), tamén é un acto político refacer vellas prendas, darlles unha nova vida a aquelas que un día deixamos arrombadas no fondo do armario, aproveitar botóns nacarados con décadas de uso e perfectos como o primeiro día, comprar en tendas de segunda man ou regalarlles a outras persoas roupa cun pasado que aínda ten futuro. Un acto político é pasar do fast fashion porque ás veces xa temos algo máis bonito e de mellor calidade máis preto do que pensamos. Sempre que collamos nesa roupa, pero iso é outro tema.