De cando Rick Blaine daba as noticias en Radio Pontevedra

Radio
Antes do podcast estaba este aparello. C.G.

O transistor pequeniño agochado entre as sabas emitindo La saga de los Porretas nunha mañá de convalecencia sen escola. A voz de Iñaki Gabilondo no sorteo da Lotería de Nadal como sinónimo do inicio das vacacións. Unha sobremesa escoitando a Meli Fandiño en Oferta y demanda mentres rillaba (eu, non ela) unha onza de chocolate Sabú La Perfección. Os xantares escoitando nese mesmo aparello de radio, un artefacto que xa era antiquísimo nos anos oitenta, a Eugenio Giráldez dar os titulares, co famoso solomillo da información. Daquela poñíalle a cara de Humphrey Bogart en Casablanca (a cara, a gabardina e o sombreiro en branco e negro). Iso despois do imperdible tin tin tin toon das esquelas.

O Carrusel Deportivo todas as fins de semana, desde o Radiola moviola ou viceversa viaxando no Renault 7 con meu pai ao debut de Raúl co Real Madrid ou os domingos de camiño a Compostela, onde estudaba Xornalismo para retransmitir partidos na radio. Case. El Larguero. A carta de admiración adolescente que lle enviamos a Pacojó porque estabamos namoradas da súa voz. Hablar por hablar aquela noite do terremoto de Triacastela. O triste espertar na mañá do 11-M co Hoy por hoy.

E así podería seguir, porque dos cen anos que acaba de cumprir a Cadena Ser, 45 estiven ao outro lado, agora case sempre en podcast, que grande invento. ¡Parabéns e por moitos máis!

Comentarios