De que lado estamos?
O ministro de Cultura, Ernest Urtasun, abriu a porta este luns a que España non participe no vindeiro Festival de Eurovisión se a organización do mesmo segue insistindo nesta insultante ignominia sen sentido (sen sentido agás no económico, claro, vivan os patrocinios) de permitir a participación, e mesmo poñerlle alfombra vermella, á delegación de Israel, a través da súa cadea pública KAN.
Confeso que despois duns anos de ausencia, pouco antes da pandemia volvinme fan deste concurso, sobre todo pola diversión de velo en familia. Todo iso saltou polos aires o pasado mes de maio, cando á culpabilidade por velo se sumou a carraxe por todos os chanchullos que case provocaron a victoria da candidata dese país xenocida. Aínda por riba de aguantalos, que gañen con trampas, claro que si.
Eslovenia vén de anunciar que non participará en 2026 se a organización continúa permitindo este noxo, nunha evidente dobre vara de medir, ademais, se pensamos en Rusia. Que o faga un país non significará nada. Que o fagan dous, tampouco. Que o fixeran todos sería o ideal, ninguén quere xogar no recreo cos abusóns. Pero se ese segundo é España servirá, alomenos, para tranquilizar a nosa conciencia. Vai sendo hora de que RTVE lle dea unha volta. Que total, polo micrófono de cristal non se vai.