Fixeron boa a Chanel
A noite do venres, quen contaba, acabei lendo nunha pantalla ben grandiña, mentres soaba a canción, a letra de SloMo, a proposta española para o Festival de Eurovisión de 2022. Confeso que sentín un chisco de morriña. Lembrei aquelas arduas batallas dialécticas, aqueles furibundos debates, aqueles ríos de tinta, aquelas profundas análises sociolóxicas, semánticas e sabe deus que máis sobre a letra.
Lembreino e pensei que, pese a inesquecible traizón ás Tanxugueiras e a Galiza enteira (no te lo perdonaré jamás, María Eizaguirre), aquela opción non foi tan mala. Non só porque quedara ás portas da victoria, senón que co tempo cheguei a collerlle un pouco de cariño como tema pegañento. E, realmente, pese a que non sei que foi da súa carreira posteriormente, Chanel cantaba e bailaba máis que ben (sobre todo o segundo). E paréceme riquiña.
Quen mo ía dicir dous anos despois, cando desperdiciei dúas horas da miña vida (con permiso de Amaral e das presentadoras) en ver o Benidorm Fest deste ano. Oito propostas finalistas que non había por onde coller, remedos de artistas exitosos que espero non volver escoitar. Supoño que o obxectivo non será gañar, nin quedar entre os dez primeiros en Basilea... Aínda imos botar en falta o famoso gorila.