Unha gorda na Porta do Sol

Lalachus y Broncano. LA REVUELTA
Lalachus e Broncano. LA REVUELTA

No pesan los años, pesan los kilos, dicía un famoso anuncio de auga embotellada aló polo principio dos oitenta. Catro décadas despois, podo confirmalo. Os achaques da idade vanse levando pero o sobrepeso non axuda. Son gorda pero teño estado delgada e ben noto a diferenza entre carrexar con 15 quilos máis ou menos, tanto para subir costas como  para poñerse diante dunha cámara ou decidir que roupa poñer cada mañá. 

Non veño aquí afirmar que ter sobrepreso, nin moito menos obesidade, é algo positivo. Non penso caer nese buenismo de que o importante é a saúde e as analíticas das gordas tamén poden ser excelentes. Iso si, unha ansia menos.

O peor da gordura non é a pesadez das pernas ou pelexarse coa imaxe do espello, senón, precisamente, o reflexo nos ollos dos demais, sobre todo se es muller, aínda que non debera importarnos a neurona solitaria que rebota no cerebro dalgúns individuos. Iso tamén se vai aprendendo coa idade. A elección de Lalachus para dar as campanadas de fin de ano en TVE xunto a David Broncano dá bo exemplo diso. 

Eses elementos soltaron a súa bile en forma de insultos machistas e gordofóbicos porque dá igual que esta moza sexa unha gran profesional e, ademais, guapa de cara. É gorda e xa está. Eses mesmos non abriron a bocaza cando os elixidos foron Chicote ou Ibai Llanos. Por algo será.

Comentarios