O perigo necesario

MUSEO As mulleres que opinan son perigosas Charla de Marta Otero La Opinion e Maria Piñeiro El Progreso  (Beatriz_Císcar_325.JPG)
Diana López Varela e Susana Pedreira nunha edición anterior. BEATRIZ CÍSCAR

Agardei a presentación da vindeira edición do foro As mulleres que opinan son perigosas coa habitual mestura de emoción e intriga, como cando se espera a programación do festival de música favorito, pois máis aló dos alicerces que substentan esta imprescindible cita anual, é tamén a grande oportunidade de escoitar en vivo e en directo a mulleres que teñen moito que dicir e que habitualmente vemos na televisión, escoitamos na radio ou lemos nos xornais en papel e nos dixitais.

Este ano, ademais, sumábase a curiosidade por confirmar se influiría dalgún xeito o cambio de cor nunha das institucións que garante a materialización desta fantástica idea que Susana Pedreira e Diana López Varela botaron a andar hai xa sete anos. Porque, xa saben, ata os proxectos máis indispensables precisan do apoio económico. E cando as cousas se fan ben, hai que aplaudilo. Así que bravo polo Concello e pola Deputación.

E, se hai algo indispensable, e transversal, é o feminismo. Por iso no foro que se celebrará os días 15 e 16 de marzo no Teatro Principal se falará de xornalismo, de maternidade, de ciencia, de deporte, de idadismo, de saúde, de violencia machista, de poder e mesmo de beleza. As invitadas, do melloriño de cada casa. Eu non o perdería.

Comentarios