O toxo e as flores
Chego á redacción e o salvapantallas aleatorio do ordenador sorpréndeme cunha imaxe dun campo de flores, que, trala correspondente indagación, resultan ser bluebonnet ou, polo seu nome científico, Lupinus texensis, moi habituais en estados centrais de USA.
Asexo en Facebook e o carrusel de lembranzas tráeme á memoria un daqueles paseos pola aldea en plena pandemia, coa miña filla, que nin sequera tiña idade para poñer máscara, ofrecéndome unhas humildes floriñas dos camiños.
Ai, as flores. Como visten, verdade? Alegran cerimonias, cociñas, salóns, escaparates e mesmo cuartos de hospital. Tamén locen maxestuosas e cheas de cor nas estancias virtuais. Nos post de Instagram, por exemplo. Porque falar dun libro que te sorprendeu, te emocionou, te fixo pensar, rir ou chorar está ben, pero se o completas cunha foto do exemplar en cuestión ao lado dunhas flores, reais ou en forma de emoticonos, queda moito mellor. Aesthetic, lle chaman agora.
Hai a quen isto non lle gusta. Non lle gustan as flores (tampouco a do toxo?). Ou ao mellor o que non lle gusta é que todo o mundo teña unha opinión sobre as propias lecturas e a comparta, máis aínda se es muller, es nova e non tes que pedirlle permiso a ninguén.