Blog | Non tes tu fe

Que non nos quiten a voz

As mulleres que opinan son perigosas. DP
photo_camera As mulleres que opinan son perigosas. DP

Se algún martes non me ven por aquí, neste recuncho da Internet cunha fotiño de hai cinco anos, de cando era máis nova e máis delgada, pode ser por varias razóns: que non tivera traballado a véspera, que non me dera tempo a escribir o artigo, ou que, simplemente, non atopara o tema máis acaído, as palabras mellor conxuntadas ou a frase lapidaria -pero non demasiado, ollo- coa que dar por finiquitado o xornal do día, para quen non teña o bo costume de empezar pola contracapa. Ben, esta frase estaba dedicada ao lectorado en papel, ao do columniña azul, claro está. Bendito sexa.

Paco nunca o faría. Paco escribiría para adiante, que tampouco é tanto texto, e malo será que, sen case decatarse, non dera xuntado as letras suficientes. Porque a Paco non lle quitaría o sono non ser un grande experto no asunto, nin o perigo de meterse nalgunha poza, nin moito menos meterse en camisas de once varas e que as súas sentenzas lle pareceran fatal, sobre todo, a unha muller. A Paco non lle importaría ser mediocre e a min, e a nosoutras, tampouco debería importarnos demasiado, como ao Paco co que Mariola Cubells nos fixo rir e reflexionar no aquelarre do perigo feminino que supón opinar sen complexos que se xuntou en días pasados no Teatro Principal de Pontevedra.

Porque, como ben apuntou tamén Cláudia Morán atendendo ás estatísticas, sobra opinión nos medios, pero sobra moita dos señores, mesmo dos "señoros en fase larvaria" que mentou Carolina Sertal, mesmo daqueles que levan premios con aroma a Varon Dandy pola súa valentía, como se lles importara unha chisca o que dirán. Así que non deixemos que a nosoutras nos quiten a voz. Aínda que sexa para xuntar catro letras coma estas.

Comentarios