HAI APROXIMADAMENTE 23 anos a miña amiga Estrella empezou a referirse a min como Chus la del bus, un apelativo que agora non só recordo con cariño, senón con certa nostalxia. Non porque bote moito en falta depender dun servizo de liña regular para ir de compras, para ir ao instituto, para ir á Universidade, para saír de festa ou para vir traballar naqueles cambio de século no que ter coche propio aínda era un soño.
Chus la del bus medrou a carón da carretera general, pola que cada hora pasaba un Castromil e aínda tiñamos a sorte de ver o servizo reforzado coa menos flamante Estradense para ir a Caldas, a Pontevedra ou ata a lonxana Compostela. Tanto era eu do asfalto -despois xa en coche- que o ignominioso peche da estación de tren de Portas pareceume unha afrenta xigante ao pobo, pero nunca o sentín como algo persoal.
Case un cuarto século despois (socorro) non hai coches voadores, pero si un servicio de autobús moitísimo peor. Pasou tamén na ruta Lugo-Compostela, onde aínda botan en falta o famoso Freire, e pasará tamén en outras moitas localidades nos que estudantes e traballadoras ven como non pode fiarse desta opción para as súas viaxes, por moi de balde que sexa, por saturación ou por incumprimentos do horario. A ver se os maiores de 65 teñen máis sorte, agora que van desfrutar do servizo de balde.