Samaín, Nadal e... campaña electoral!

(IMG_2668.JPEG) SIN HORA Foto general de escaparates de comercios decorados de Halloween MLote 32.934
Samaín e Nadal conviven nos escaparates e nos nosos corazóns consumistas. RAFA FARIÑA
Lembro aqueles anos nos que a mediados de outubro aparecía unha árbore de Nadal en Pórtico, nos famosos soportais de Pontevedra, e comentabamos que aínda era cedo para o Nadal. Despois o auxe do Samaín, que pasou dunha noite a unha semana a un mes enteiro, freou lixeiramente a ansia de estreliñas, beléns e espumillóns. Agora, metidos nesta permanente centrifugadora que é o calendario, case nin nos escandalizamos de que nos supermercados, nos escaparates e nesa gran ventá ao mundo que son as redes sociais, convivan -non sei se amablemente- decoración e lambonadas de Nadal e de Halloween desde que andabamos alegremente en manga curta. Só faltan os ovos de Pascua.

Repetímonos que o tempo pasa cada vez máis rápido, tamén será cousa da idade, pero o certo é que hai unha ansia que come o calendario e estar pensando en Papá Noel en agosto xa non é nada raro. Igual que estar pensando agora mesmo, finais de outubro de 2025, nas eleccións municipais de 2027. Nisto tamén temos experiencia. As campañas electorais duran 15 días segundo a lei. Xa saben, eses días nos que candidatos e demais adláteres teñen vía libre para pedir abertamente o voto e quentarnos a orella con promesas-que-jamás-serán-cumplidas. Outra cousa é a precampaña, ese espazo de tempo indeterminado que pode empezar mesmo na anterior noite electoral, nese momento no que se maquillan con sorrisos falsos as victorias convertidas en derrotas e se fai un Escarlata O'Hara ao berro de pongo a dios por testigo de que acabaré gobernando este ayuntamiento.

Aí as peticións teñen que camuflarse doutros xeitos, porque, efectivamente, catro anos semellan escasos, aínda que pasen a toda velocidade. Non haberá un vóteme, señora, pero si unha presenza permanente, xa sexa nos medios de comunicación, en actos oficiais ou mesmo na sopa, perdón, na caixa de correo. En fin, peor son as cartas con facturas.