"Solo temas deportivos"
Como antiga madridista apenas estiven ao tanto da fichaxe do galo Kylian Mbappé polo conxunto branco ata que a noticia se colou no medio dos fastos da decimoquinta Copa de Europa. Non lle volvín facer máis caso a este rapaz, futbolista excepcional polo visto, ata que onte me apareceron nas stories do Instagram unhas declaracións súas nas que dixo, en francés, que "os estremos están chamando á porta e eu quero chamar a atención dos mozos. Ide votar. Sei que a miña voz será escoitada".
Nesta mensaxe, pensada para desactivar a abstención xuvenil nas urnas, aseguroulles que a súa voz "si cambia as cousas", que está orgulloso de defender un país que ten valores de respecto e diversidade, e que oxalá siga orgulloso del despois das eleccións previstas no país veciño para o 30 de xuño, en plena Eurocopa.
Igual ata consegue o seu obxectivo. En Francia, para empezar, a dereita expulsou (ou tratou de facelo) ao seu líder por querer pactar coa ultradereita de Le Pen. Case igualiño que en España. A comparación tamén se pode levar ao seu gremio. Seguiron os futbolistas españois o seu exemplo? Pois parece que non. Un tal Unai Simón di que "solo deberíamos hablar de temas deportivos" e Cañizares -o exporteiro, non o arcebispo-, entendía que "yo jugaba para los de izquierda, para los de derecha, para los de ultraizquierda, para los de ultraderecha...". Igualiño.