Un pan sen sal

Cesta con alimentos. EP
Cesta con alimentos. DP

Dise que unha persoa é salada como sinónimo de simpática, desas que son como unha raiola de sol no medio dun ceo anubrado. Pola contra, alguén soso é aburrido e carente de interese. Aínda seguimos utilizando a palabra salario como sinónimo de soldo, como cando a cambio da forza do traballo o patrón correspondía entregando sal, que por outra parte era indispensable para conservar os alimentos. É dicir, para non morrer de fame.

Resulta que séculos máis tarde, segundo explicaron os especialistas no XXX Congreso da Sociedade Galega de Hipertensión, o 47% dos pontevedreses teñen (temos) esta patoloxía. Esa mesma que non se nota, que non doe, pero que está aí, como unha ameaza silente.

E resulta que unha das primeiras medidas que hai que tomar para ir borrando o prefixo hiper é deixar o sal. Nada. Niente. Cero. 

Dicilo é moito máis doado que facelo. É fácil renunciar ao chisco de sal na cazola ou na tixola. Ata pode ser fácil non comer fóra da casa habitualmente. Mesmo ignorar a longa lista de ultraprocesados que enchen boa parte dos supermercados. E non só pola carga de sal. 

Pero non é tan doado atopar comida variada sen sal. Sen glute. Sen graxa. Pero, ai, sen sal. Escasa e agochada. Ata o pan. Menos mal que as vítimas só somos a metade da poboación.

Comentarios