Xente con poucas luces

(_G5A1955.JPG) Apagon electrico 28 de Abril MLote 29.432
A noite do apagamento en Pontevedra. RAFA FARIÑA

Son as 21.07 horas do luns 5 de maio cando escribo estas liñas e -cruzo os dedos e as dedas- parece que aínda non se acabou o mundo. Pero o luns pasado, a estas horas, quería empezar a anoitecer e eu aferrábame ao meu novo transistor a pilas para escoitar a última hora do apagamento que nos colleu a todas co pé cambiado.

Guirnaldas de Nadal que nunca se chegan a gardar, porque son ben xeitosas como luciñas de ambiente ou posición, coas pilas acabadas de cambiar. Unhas lanternas con forma de bombilla cortesía do festival Paredes de Coura. Un bo libro e a soñar.

Foi un día ben tranquilo no que as circunstancias fixeron que, por fin, acabase comprando esa pequena radio á que nunca lle poñía data. Foino porque ninguén da familia precisa de respirador, nin quedou varado nun tren no medio de ningún sitio, e, por sorte, nin sequera me tocaba traballar ese día. Aínda que ás veces tamén presta esta adrenalina que alimenta a profesión.

De xantar e cea, pan con queixo e con chourizo, conservas, salada e froita, iogures que había que ir sacando de diante coa nevera en modo off... Nunca pensei que foramos pasar fame, como si lles debeu pasar a esas persoas que ás dúas da tarde, apenas hora e media despois do apagón, no centro dunha cidade con todo aberto, mesmo supermercados, estiveron a piques de botarse enriba dunha pobre empregada que ousou venderlle cinco barras de pan ao cliente que estaba diante delas na fila.

Comentarios