Un arco da vella eterno

G
Sala da exposición adicada aos panos ideados por Castelao para a Coral Polifónica. FOTO GONZALO GARCÍA
O Museo de Pontevedra acolle unha mostra que amosa a centenaria traxectoria da Coral Polifónica de Pontevedra, un fito na nosa cultura e mesmo na cerna da sociedade local

Sen ningunha dúbida a traxectoria e o papel da Coral Polifónica de Pontevedra é unha das máis brillantes da historia cultural dunha Pontevedra que a viu nacer ante o público o 9 de abril de 1925 na igrexa de San Francisco nun Xoves Santo. A poucos días de chegar a ese centenario visitar a exposición que o Museo de Pontevedra lle adica a todo ese camiñar polo tempo de tantas e tantas voces xurdidas ás beiras do Lérez, convértese nun acto de recoñecemento a esa Coral que levou o nome de Pontevedra por centos de escenarios de todo o mundo e que se mantén hoxe como un enorme arco da vella de coloridas voces, como o que o propio Castelao, un dos seus fundadores, creou para un dos seus espectaculares panos ante os que a Coral Polifónica protagonizou algúns dos seus máis sobranceiros espectáculos.

O comisariado de Xosé Carlos Valle Pérez, a persoa máis acaída para desenvolver este labor, por un lado por ser dende 1996 o presidente da Coral Polifónica, e  por outro, polo seu perfecto coñecemento dos fondos dun Museo de Pontevedra, moi vencellado á propia historia da Coral, do que foi director durante máis de trinta anos, achega o saber e a experiencia da que se nutre esta mostra que amosa perfectamente o potencial desa historia que vai máis alá do puramente musical, sendo, como xa dixemos, todo un fito na nosa cultura, e mesmo na cerna da sociedade pontevedresa, dende ese nacemento na fascinante década dos anos vinte en Pontevedra e na que nomes como os do xa referido Castelao, xunto a Alexandro Bóveda, Antonio Blanco Porto, Losada Diéguez ou Iglesias Vilarelle, foron plenamente conscientes da importancia da cultura para un país que naqueles anos espertaba dun ancestral atraso e que non dubidaba en ollar en fite as vangardas artísticas que levaban xa uns anos mudando a faciana de Europa.

A viaxe de Castelao por Europa en 1921 convértese nunha sacudida ante as posibilidades da arte para rexenerar a unha nación, así como da arte para, dende a súa transversalidade, crear novas formas de conexión co público. Esa transversalidade que veremos nunha obra de teatro como Os vellos non deben de namorarse, onde escrita, escenografía e plástica se xuntaban nun vieiro común, ten tamén no nacemento da Coral Polifónica unha gran relevancia ao entender que xunto a música, a creación dunha atmosfera propicia era parte desa arte nova, de aí que Castelao idease ata dez panos con diferentes motivos e que son nesta exposición un dos seus grandes atractivos, aínda que se trate de reproducións e de que vexamos só cinco deses dez panos (dous deles están perdidos).

Pero ata chegar a eles ante nós se abre, nunha xanela de emocións, toda a historia da Coral Polifónica a través de numerosos documentos, fotografías e materiais que certifican a súa relevancia ao longo das décadas. Partituras, debuxos de Laxeiro, discos coas primeiras gravacións e imaxes das diferentes formacións nas que se nos detemos un pouquiño podemos recoñecer a moitos cidadáns de Pontevedra que formaron e forman parte dela. Protagonistas recoñecidos da nosa historia, mais tamén persoas anónimas, todas elas unidas por unha mesma ilusión e orgullo, o de facer das súas voces unha das máximas expresións da cidade, estremecendo ao público cando as escoita. Un presente que se mantén firme grazas a ese pasado ao que honra a exposición na que un só bota en falla unha disposición das pezas máis atractivas para o visitante, ao estilo das feitas nas espléndidas exposicións adicadas ao propio Castelao no 2016, ou que esa sala dos panos estivese iluminada dun xeito máis teatral, xogando coas luces e as sombras propias dunha escenografía coa que gañarían moito esas reproducións materializadas de maneira espectacular.

No ano no que celebramos o 75 aniversario do pasamento de Castelao, esta mostra vén a significar unha das súas partes máis queridas na súa relación con Pontevedra, dende o cultivo da polifonía sacra e profana dos séculos XVI e XVII, tamén de cantigas populares, onde se incorporaban voces femininas, o que non era moi habitual, e para o que amoldou como símbolo o espectacular David do Pórtico de Platerías como un brillo máis nese arco da vella eterno que é a Coral Polifónica.

Comentarios