Asorey recuperado

Tallas en madeira que forman parte da exposición 'Francisco Asorey, unha recuperación necesaria'. FOTO MANUEL G. VICENTE
Tallas en madeira que forman parte da exposición 'Francisco Asorey, unha recuperación necesaria'. FOTO MANUEL G. VICENTE
A exposición 'Francisco Asorey, unha recuperación necesaria' na Cidade da Cultura nos enfronta a un escultor ante a potencialidade dunha obra que dende a contundencia do material se identifica cunha terra e unha identidade

Percorrer a exposición que no Museo Gaiás da Cidade da Cultura se lle adica ao escultor Francisco Asorey (Cambados 1889- Compostela 1961) supón achegarse a unha das obras escultóricas máis sobranceiras do pasado século, xa non só en Galicia senón en toda España. A calidade e propostas do artista son ben coñecidas, indudables dende calquera punto de vista, pero agora, dispostas deste xeito grazas ao espléndido traballo do seu comisario, Miguel Fernández-Cid, e a propia neta do escultor, Carmen Asorey, proxectan unha mirada de conxunto absolutamente impactante nun visitante que converte este itinerario así proposto nun gozoso vagar baseado na conmoción do feito contemplativo dunhas obras que, por enriba de discursos teóricos, cobra todo o protagonismo.

Partimos do propio estudio do artista no que foi fotografado en varias ocasións por Ksado, onde atopamos as súas ferramentas ou os libros que, como manuais de escultura, lle serviron a quen nunca viaxou ao extranxeiro para recoñecer formas, para adaptalas as súas propostas, en definitiva, para ter un recetario dende o que vencellar tradición e modernidade. Saíndo del xa nos atopamos con esa escultura monumental que enche as nosas vilas coa súa contundencia, dende o propio poder do material ata a capacidade escultórica do artista. Unha serie de fotografías de gran tamaño nos levan á persuasión enérxica do granito, alma de Galicia dende o que Asorey configurou monumentos imprescindibles na nosa ollada urbana como os de Curros Enríquez (A Coruña), San Francisco (Compostela) ou Joaquín Loriga (Lalín). Unha dimensión ciclópea que contrasta co que nos imos atopar despois, con moldes ou obras de pequeno formato nas que, sen embargo, mantense unha monumentalidade formal no que acadaba con cada modelado. Unha viveza das formas como a dos seus Cabaleiros negros nos que atopamos a vida contida no seu interior, que é o mellor que se pode dicir dunha escultura. 

Asorey-2025032 r
Asorey fotografado por Ksado

Esa é unha das características da súa obra, a capacidade de acoller vida dende diversos materiais, sendo fascinantes os seus resultados en madeira, capaces de acadar unha mestura de contundencia e calidez, de fortaleza e fraxilidade, que converte esas pezas nas mellores da súa produción, e ás que lle engade a policromía como outro elemento que singulariza unhas obras que como volumes exentos traballábanse en toda a superficie e posibilidades do material. Excelente retratista impacta achegarse ao dun Manuel Quiroga que podemos ver na nosa Pontevedra en pedra fronte á Facultade de Belas Artes e aquí nun vaciado en bronce no que se contén toda a súa forza creadora e magnética.

Chegamos a un dos espazos asombrosos da exposición. Un recuncho relixioso no que dous Cristos se enfrontan un ao outro nun evidente acerto de montaxe que permite achegarnos a un mesmo motivo ideado en dous tempos diferentes, apreciando así unha radical evolución no seu traballo que vai dese Cristo de 1908, dos Salesianos de Barakaldo, ao impoñente Cristo de Moià de 1952, fronte ao que poderiamos deternos durante horas fascinados polo tratamento dun corpo humano que é quen de transmitir a tensión e agonía do momento xunto cunha inexplicable serenidade.

A parte final da exposición mantén o ton soberbio de toda a mostra. Pezas como Naiciña, O Tesouro ou Nai de Dor lévannos á identificación de Galicia coa figura da muller, aquel concepto que na pintura a xeración dos Renovadores da arte galega acubillou nos seus lenzos para dende a modernidade sintetizar nas formas e na simboloxía da muller unha nai eterna á que gabar. Escultor de éxito en vida as súas figuras foron tamén requeridas para achegalas de xeito masivo a un público que as acolleu nos seus fogares a través de cerámicas que simbolizaban unha identidade coa que a cidadanía conectou do mesmo xeito que intelectuais, escritores ou poetas o fixeron con el, como Cabanillas ou Valle-Inclán, dos que mesmo sacou as máscaras mortuorias dos seus rostros activando aínda máis a súa eternidade. Asorey e a súa necesaria recuperación son un fito na nosa cultura que emerxe ante nós dando conta da súa xenialidade artística.

Comentarios