Bienal de Arte. Preguntas para a paz
Explicaba o comisario da Bienal de Arte, Antón Castro, no acto de presentación da recuperación deste evento artístico, que os artistas máis que xerar respostas coas súas obras o que fan é propoñer preguntas que o espectador debe levar con el para tentar atoparlle algún sentido ou algunha esperanza á esquizofrénica situación que vivimos nun mundo que, se ben nunca deixou de sufrir guerras en diferentes contextos do mundo, nos últimos anos, con conflitos como a ocupación de Ucrania por parte de Rusia e o noxento xenocidio do pobo palestino por parte de Israel, situou a guerra e as súas consecuencias na poboación como un dos seus focos permanentes de atención.
Atina o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, ao rectificar a decisión do seu propio partido cando paralizou a Bienal de Arte, cunha recuperación que os que viñeron detrás daquela resolución non foron quen de entender nas súas posibilidades como feito diferencial da cidade de Pontevedra dende o artístico e cultural. Isto é algo que quedará patente ao longo duns meses de verán que converterán a Pontevedra nun dos epicentros artísticos da península coa presenza de sesenta creadores de todo o mundo e cunha importante selección de creadores galegos que amosarán como as súas linguaxes, as súas maneiras de traballar e traducir, dende diferentes propostas artísticas, esa mirada comprometida e inzada de preguntas ao contexto bélico actual, posúen un altísimo nivel.
Da man do experimentado e bo coñecedor da realidade artística mundial, Antón Castro, co seu equipo máis cercano, Antón Sobral, Agar Ledo ou Iñaki Martínez Antelo, e os profesionais do Museo de Pontevedra, xa expertos na sempre complicada tarefa de organizar unha cita desta envergadura, con trinta e unha edicións ás súas costas, aseguran entre todos o éxito dunha Bienal de Arte que quere que todos volvamos a ser humanos nuns tempos nos que esa condición, a de seres humanos, é máis discutible ca nunca.
Na presentación feita o luns nas Ruínas de San Domingos falouse de intencións e de arelas, pero sobre todo soubemos os artistas que participarán nela como artífices desas preguntas que, como afirmaba Antón Castro, serán as que lle dean todo o sentido a este proxecto que se espallará por diferentes puntos da cidade de Pontevedra e por outros concellos da provincia, como xa se fixera na última edición da Bienal de Pontevedra, con presenza tamén en Vigo e Vilagarcía. Nunha pantalla vimos os nomes dos participantes, algúns ben coñecidos pola súa relevancia no noso contexto occidental, pero outros moitos proceden de espazos xeográficos máis descoñecidos e nin tan sequera entendidos dende a nosa presuntuosa ollada do tantas veces mal chamado primeiro mundo, e que seguramente terán moitas cousas que ensinarnos. De feito, se queren xa ir abrindo boca, poden entrar na páxina web da Bienal, fantástica en canto ao seu deseño e contidos, e alí poden ver cal é o traballo dos artistas, así como en moitos deles a proposta específica para a nosa cidade, xa que se unha característica ten unha Bienal de Arte é esa singularidade nas proposicións dos artistas que sitúan as súas obras en relación ao espazo no que amosarán as súas pezas.
Nesa listaxe os artistas galegos, como o caso de Almudena Fernández Fariña, que tomou a palabra na presentación como exemplo da parte creativa, destacan pola súa proximidade ao noso, por cómo dende un contexto máis local son quen de incitar a que cando vexamos as súas obras xurdan todas esas preguntas. Percorrer o que nos amosa esa páxina web ábrenos o apetito ante a espectacularidade e o compromiso que anuncian as súas obras e de aí que o tempo para coñecer o traballo de Beatriz Ruibal, Carmen Hermo, Manuel Vilariño, Carlos Fer, Christian Villamide, Norberto Olmedo, Marta Pazos, Andrea Dávila, Lois Patiño, Damián Ucieda, Soledad Penalta ou Marina Núñez, que non é galega pero como se o fora, pola súa presenza na Facultade de Belas Artes de Pontevedra dende hai moitos anos, estea xa cheo de impaciencia por ver cómo esas obras impactan na cidade, e, sobre todo, como o fan en todos nós, no desexo colectivo de, certamente, volver a ser humanos.