Centenario Ruibal

Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
José Ruibal, á dereita, acompañando a Rafael Alberti en 1993 na Praza de Touros de Pontevedra. FOTO RAFA
O Museo de Pontevedra recupera a figura do autor teatral pontevedrés José Ruibal na reivindicación dunha personalidade extraordinaria no ano do seu centenario

Visito de novo a exposición José Ruibal. Un escritor de centenario que se exhibe no edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, porque é ao que te obrigan as boas exposicións, as que te ofrecen a posibilidade de coñecer e de descubrir. Se algo permite a mostra que comisaría de maneira precisa Enrique Acuña é descubrir a un nome deses que a historia sepultou co paso do tempo, afastándonos da relevancia que tivo no seu momento, profundamente condicionado polo contexto histórico dunha España que baixo o lóbrego franquismo viu como moitos dos seus xenios desenvolveron o seu talento fóra daquí, recibindo o recoñecemento, aplauso e admiración merecidos, mentres aquí eran escurecidos dende o sinalamento e o esquecemento.

Reivindicando sempre a súa patria de Xeve, José Ruibal, autor dun teatro experimental, sempre a contracorrente, sempre desafiante ante o establecido e a ausencia de liberdades do ser humano, comezou a achegarse ás letras dentro dese grupo singular, merecente tamén hoxe dun recoñecemento colectivo en forma de exposición, como foron os integrantes daquela colección de poesía Benito Soto que da man de Sabino Torres convertéronse nunha alfaia desafiante á escuridade.

Alí publicou un libro de poemas El Dios de los precipicios, no que se define nun deles como "prisionero de mi propio albedrío". Esa prisión levouno ao porto de Vigo onde en 1951, rodeado de varios daqueles nomes, como os de Álvarez Négreira, Rafael Alonso e Manuel Cuña Novás, xunto ao propio Sabino Torres, asistiron a súa marcha cara Bos Aires. Unha foto pequena no seu formato pero grande na súa dimensión, tanto polos protagonistas como por todo o que ía vir despois. E iso é o que nos permite percorrer esta exposición chea de documentación, de recortes de prensa, de fotografías (extraordinarias as feitas pola que fora a súa muller Consuelo Vázquez Parga), de materiais pegados a unha vida e a unha tarefa, en definitiva, Enrique Acuña achéganos a unha figura fascinante, recoñecida dende a escena norteamericana, probablemente como ningún outro autor teatral español da época, e que foi quen de tecer toda unha rede de afinidades culturais impresionante que fala e confirma as bondades do seu labor cultural e artístico, mesmo de crítica e reflexión sobre o teatro, publicando diferentes libros ou escritos en xornais, como nos que amosa a súa devoción por Valle-Inclán.

Galicia, Pontevedra e Xeve sempre formaron parte dese estremecemento íntimo que xorde da distancia cunha terra coa que intensificou lazos despois da morte do ditador, compartindo momentos inolvidables ás beiras da nosa ría xunto a amizades como as que aparecen na imaxe que ilustra este artículo, e que forma parte da exposición dende os fondos do Diario de Pontevedra recuperando a presenza en 1993 de José Ruibal na Praza de Touros, xunto a nomes como os de María Asunción Mateo, Rafael Alberti, José Luis Barros Malvar, Pedro Antonio Rivas Fontenla e súa irmán, a pintora Mercedes Ruibal, na lembranza do ‘paseíllo’ taurino no que participou o autor de Marinero en tierra en 1927 xunto a Ignacio Sánchez Mejías.

"Si el teatro no es una fiesta es un aburrimiento", é unha das frases que podemos rescatar dunha das entrevistas que se recollen na prensa que se amosa nas vitrinas da exposición, o que nos fala do seu interese por facer un teatro atractivo para o público, desafiante coa sociedade, e cheo de elementos simbólicos empregados para definir a situación do home contemporáneo. Sobre esa opción creativa ao longo desta semana podemos asistir no Museo a dúas xornadas moi relevantes. O martes 11, na que entre os poñentes estará o director de teatro Andrés Lima, que vén de axitar o teatro nacional coa súa obra 1936; e o xoves 13, cun recital de poesía e a representación dunha obra de José Ruibal, O rabo, por Avelaíña Teatro, o que nos permitirá completar o valor dunha magnífica e necesaria exposición.

Comentarios