Cunchas e viraventos

Francisco Miguel web
Cunchas e viraventos no lugar onde repousarán, agora si en paz, os restos de Francisco Miguel. FOTO CÉSAR C. MORÁN
Os restos do pintor Francisco Miguel, fusilado na Guerra Civil, recibiron sepultura o pasado luns no cemiterio coruñés de San Amaro nun acto cheo de emoción e dignidade

O son das buguinas escachou coa súa melancolía atlántica un silencio de granito que se desfixo como unha puñada de area contendo a emoción, a raiba e o orgullo dos feitos que na mañá do luns aconteceron no coruñés cemiterio de San Amaro. Alí, noutro setembro, mes clave por diversas circunstancias que se deron ao longo da vida do que fora pintor vangardista e protagonista cultural da Coruña a principios dos século XX, Francisco Miguel, se celebraba o enterro dos seus restos mortais recuperados dunha fosa común noutro cemiterio, no de Bértoa en Carballo, grazas ao traballo da Asociacion para a Recuperación da Memoria Histórica ou a Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

Un cortexo civil acompañou á familia procedente de México, país clave na vida do pintor e do que regresou meses antes do cruel desenlace e ao que volveu a súa muller, Syra Alonso, cos seus tres fillos, na procura dun futuro de esperanza e acougo, aínda que a ferida xa era profunda e eterna e dela sabemos ben grazas á recuperación que da súa figura fixo Carme Vidal no ano 2000 ao publicar os seus estremecedores Diarios que veñen a ser reeditados por Alvarellos nunha edición imprescindible para coñecer unha historia persoal, mais tamén colectiva da sinrazón humana, da barbarie que asolou este país nas mans dun totalitarismo fascista que, como todo totalitarismo, adoita dirixir a súa miseria moral contra a cultura e o pensamento. Algo non moi diferente do que partidos políticos como VOX tentan facer hoxe en día cancelando obras de teatro, lecturas ou artistas alí onde teñen a posibilidade de facelo coa complicidade do Partido Popular cada vez máis enleado na súa arañeira de maldade.

Precisamente estes días escoitei ao meu admirado Luis García Montero defender a cultura neste tempos de ameazantes sombras co gallo da celebración en Barcelona dunha cumbre da UNESCO (da que os Estados Unidos de Trump xa anunciaron a súa saída) sobre políticas culturais globais dunha maneira que é moi acaída hoxe na reivindicación da figura de Francisco Miguel, referíndose a ela como que "a cultura é indispensable para que a vida poda defender a súa dignidade" e tamén que "a cultura é a raíz da liberdade persoal e da xustiza colectiva". Todo isto foi o sepultado naquel setembro de 1936 como noutros lugares de España e que grazas aos traballos de tantas asociacións co apoio da Lei de Memoria Histórica están pechando esas feridas que moitos converten de xeito perverso xusto no contrario ao falar destas accións como un xeito de abrir feridas. Esta semana tivo lugar a aprobación polo Consello de Ministros dun real decreto que regula a concesión de 2,4 millóns de euros á Federación Española de Municipios e Provincias que permitirá o avance dos traballos de localización, exhumación e identificación de restos das vítimas da Guerra Civil e a ditadura franquista, calculándose que quedan por recuperar de fosas comúns os restos de 11.000 fusilados, mentres os xa recuperados nos últimos cinco anos se elevan a 9.000.

Deses Diarios de Syra Alonso sae a frase que se gravou sobre a súa lápida: "Todo se esfarelou como nun pesadelo", sendo arredor dese pesadelo onde se chantaron, polos que participaron nese cortexo cívico que ata alí se desprazou despois do acto que tivo lugar no Concello da Coruña, as cunchas e os viraventos azuis que semellan saídos dos seus cadros surrealistas, dunha pintura aínda por descubrir por moitos e por analizar na súa importancia no contexto artístico galego,  nomeadamente coruñés, dende o seu papel na fascinante revista Alfar ou na chegada dun surrealismo Atlántico que logo desenvolveu Urbano Lugrís de xeito ben afortunado.

Xa o di o escritor Julio Llamazares en plena promoción do seu último libro sobre a participación do seu pai na fronte de Teruel: "A memoria é como a agua, sempre se abre camiño". Na Coruña volveu a correr a auga.

Comentarios