O fascinante poder do escuro
Negro. Unha cor, un estado de ánimo, a fascinación da negación. Pinturas negras reúne no Museo de Pontevedra a obra de trece creadores vencellados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, tanto alumnos, como ex alumnos ou profesores, traballando a carón dun discurso común no que o negro propicia diferentes reflexións e diversas propostas plásticas que asumen esa eterna condición de negatividade que esa cor, como oposición ás demais cores, ten, mais tamén cunha forte carga simbólica, que ten moito que ver co mal, a destrución, o medo ou o descoñecido.
Goya, coas súas Pinturas negras, adiviñaba o final do seus días, unha decadencia física que tiña o paralelismo na decadencia dun país que nas súas pinturas tivo unha das mellores análises sobre a súa situación. Esa escuridade narrativa, entre a sátira e a traxedia, deixou no imaxinario plástico un modelo, e, sobre todo, a configuración do negro como un protagonista per se dentro da obra e non, como acontencía no Barroco como contrapunto de tensión á representación elexida en cada cadro de autores como podían ser Caravaggio (agora mesmo protagonista dunha abrumadora exposición en Roma) ou Georges de la Tour, do que, por exemplo, o tamén profesor na Facultade de Belas Artes, Alberto Ruiz de Samaniego no seu espléndido libro Hombres y Dios. Escenas de noche y misterio (ediciones Shangrila), escribe sobre a maneira en que asoman as súas figuras dende a escuridade do seguinte xeito: "Aparecer, pues, como frente a todo pronóstico, en el momento crítico de la noche oscura, de la máxima cerrazón o tenebrosidad". Pues desde ese momento crítico é dende o que pintores como Picasso no Guernica, ou Rothko en diferentes pezas (mesmo ten unha serie de pinturas negras dos anos sesenta) ou o noso Lepoldo Nóvoa, coas súas cinzas, foi dende o que entenderon o negro como un ámbito de reflexión e creación que asumía unha poderosa carga simbólica, así como de influencia na ollada do espectador.
Toda esta exposición, baixo o atinado comisariado, dende a elección das pezas así como da súa distribución, de Ignacio Pérez Jofre e Sandra MG, configura un gran territorio negro, un itinerario que nos leva a enfrontarnos con diferentes obras que conectan de xeito fascinante entre elas e con toda esa tradición da pintura, ademais de amosar un relato novidoso á hora de artellar unha exposición, algo que sempre é de agradecer. A partir de aí visitala é empatizar cunhas obras máis que con outras, achegarse ao que quere transmitir o seu creador ou creadora, dunha maneira máis ou menos intensa, pero todo o conxunto amosa un enorme interese que cativa dende o primeiro momento e co acerto de manexar unha iluminación axeitada e unha peza sonora de Acacia Ojea que acompaña dende a entrada ata esa peza final de Fernando Casás, absolutamente impresionante dende a súa proposta plástica e conceptual, ante a que un pasaría horas e horas na súa contemplación e mesmo dialogando co propio autor. Pero ata chegar a ela, completamente enchoupados en negro, nos enfrontamos a traballos tan suxerentes como os de Juan Loeck e as súas figuras clásicas cun verniz de chapapote, as nubes de Araceli Liste, as máxicas e absorbentes escumas na escuridade dos ríos nocturnos de Juan Rivas, os recunchos urbanos de Alejandra Pardo ou a perda da imaxe de Fruela Alonso. Xunto a eles Erik Balbuena, Julia Huete, Lúa Gándara, Miguel Teixeira, Mónica Cabo e Sol Mussa completan unha excelente nómina.
Como aquelas pinturas negras de Goya feitas para as paredes da súa vivenda, xerando un abraiante espazo, non sei se moi axeitado para vivir, pero toda unha bendición para o eido artístico. Todas estas pezas funcionan de xeito mancomunado, como un todo no que ese elo negro as funde nunha mesma dimensión, capaz de xerar ese momento crítico no que a nosa presenza outórgalle todo o sentido ao ollar en fite esas pezas capaces de engulirte dende esa perspectiva abisal que posúe o negro e que aquí, tamén, fai brilar o ecosistema da nosa Facultade de Belas Artes, na que dende a mestría ou dende o alumnado o talento non entende de cores e si de sensibilidades e de propostas tan magnéticas como a que ofrecen estas Pinturas negras.