Horizonte Sobral

Horizonte Sobral web
Unha visitante na exposición de Antón Sobral en Vigo. FOTO JACINTO BARALLOBRE
Unha exposición reflicte os cincuenta anos de pintura de Antón Sobral nunha travesía singular polo mar da beleza, o compromiso e a solidaridade co ser humano

Celebra Antón Sobral os seus 50 anos de traxectoria artística cunha engaiolante exposición, Océano Sobral, na viguesa sede de Afundación aberta ata o 4 de outubro e nós celebramos con el xa non só eses océanos, esas xerfas ou esas escumas, se non que tamén celebramos xuntos o seu permanente canto ao gozo e á beleza, o celebrar a vida como un horizonte de resistencia cada vez máis necesario ante a singradura dunha sociedade que semella estar próxima á deriva, sendo contraria a todo o que teña que ver con todo aquilo que ten que ver coa cultura e o que podemos atopar baixo ese compás que ten moito que ver coa educación, o coñecemento, o respecto e tamén o saber aproveitar a vida nas súas máximas posibilidades.

50 anos son moitos, certo, pero aínda nos quedan moitos máis para seguir navegando por eses océanos sobralianos. Percorremos esta mostra dende as súas diferentes seccións que nos falan primeiro das diferentes maneiras en que Antón Sobral se enfronta ao mar que, aínda que poidan parecer semellantes, neste espazo comprobamos como non é así, como a través de series como Océano, Maruxía ou Xerfas, ou a representación das nosas Illas, a mirada de Antón Sobral transforma o mar a través desa ollada singular. Mais na exposición tamén atopamos obras dos seus inicios, pezas nas que poesía e fotografía cohabitan, outras nas que atopamos tamén a palabra e a amizade como parte desa actividade de flâneur que caracteriza ao noso protagonista e, por suposto, tamén atopamos ao Antón Sobral solidario, que aínda que aquí ocupa un pequeno espazo vencellado ás mobilizacións contra Ascón nos anos oitenta, podería encher toda a sala grazas a bonhomía e compromiso con numerosas causas humanas e humanitarias.

Sobral Diario 1977
Diario de Pontevedra de 1977

Mentres visito a exposición penso en Antón Sobral como o artista que mellor entende o mar, en boa parte por unha mirada domesticada dende o seu nacemento a carón dese mar de Marín que se converteu en pintura grazas as súas inquedanzas, mais tamén a unha nai pintora cuxos ollos escintilan aínda hoxe entre os azuis destes cadros como a mellor paleta que pode usar Antón Sobral para configurar a súa mirada empática cunha natureza da que este pintor é fiel devoto. Arte e natureza danse sempre a man na súa obra e mesmo na súa vida a través de diferentes accións e concentracións de artistas pioneiras en Galicia.

Pouso a miña mirada nesas escumas que semellan saír dos lenzos nuns cadros mentres noutros todo é repouso e sosego, un canto á necesidade do silencio, da contemplación como goce estético para converter a mente no mellor espazo para coñecernos e que esta sociedade tenta fagocitar para apoderarse dela sobreestimulándoa. E así paso ante cadros e tempos que forman estes 50 anos de Antón Sobral, dun home que é pintura mais tamén vida, todo nun mesmo plano.

Regreso ao Diario e atopo páxinas máis alá deses 50 anos dun Antón Sobral que se iniciaba na arte nun Marín que é de pintores como Villafínez, Manuel Torres ou Ángeles Iglesias. Todo eles definiron ao pintor como artista, pero definir a Antón Sobral e a súa diversidade non é sinxelo, mais ao chegar ao remate da exposición atopo un acrónimo asinado pola miña compañeira no xornal Belén López, outro océano de intelixencia e sensibilidade que nos deixa un ronsel de luz que seguir sobre as ondas: Artista e activista. Namorado do mar. Tan teimudo como xeneroso. Observador tranquilo da realidade. Negacionista do imposible... Esas son unhas poucas, agora tócalles a vostedes continuar.

Comentarios