Outra biblioteca

Biblioteca Barna
Exterior da Biblioteca Gabriel García Márquez de Barcelona. FOTO JACINTO BARALLOBRE
Co gallo do Día das Bibliotecas temos que reclamar unha vez máis a necesidade de que a nosa cidade aumente a oferta destes espazos

Hai citas que xa son clásicas nestes Foguetes Verdes: a emoción ante as Festas da Peregrina, a enfermiza febre lumínica do Nadal ou as historias do noso Entroido. A elas xa lle podemos engadir este artigo que aproveitando o Día das Bibliotecas, celebrado este venres de maneira oficial como conmemoración da destrución da Biblioteca de Sarajevo durante a guerra dos Balcáns, busca, todavía sen éxito, concienciar as nosas institucións da necesidade por parte dos cidadáns e obriga para todas elas como xestoras do público, de que Pontevedra teña unha oferta destes espacios como corresponde a unha capital de provincia cunha biblioteca que activa, e ben activa, dende os anos oitenta do pasado século, xa non pode, metafísicamente falando, responder á demanda dunha poboación de máis de oitenta mil habitantes e nun contexto físico urbano que medrou moito en relación a súa ubicación.

Biblioteca Barna 03
Usuarios na Biblioteca García Márquez

Pontevedra precisa doutra biblioteca, dun espazo adaptado aos nosos tempos no que os libros, sempre os libros, podan compartir espazo con outro tipo de actividades relacionadas coa cultura que, como acontece en bibliotecas de nova construción, ofrecen un espazo público adaptado ás novas tecnoloxías ao tempo que o cidadán encontra lugares nos que poder atopar un refuxio para ler mesmo a prensa diaria. Todavía teño en min a emoción vivida a comezos deste ano durante unha visita a Barcelona na que me acheguei á Biblioteca Gabriel García Márquez no barrio de Sant Martí de Provençals inaugurada en 2022.  Xa non vou falar das súas bondades arquitectónicas (merecedora do Premio Internacional á Mellor Biblioteca Pública de 2023 ou dos Premios FAD e Cidade de Barcelona de Arquitectura), nin da tecnoloxía que permite devolver libros sen acceder ao propio edificio, ou do que supón para unha contorna determinada como maneira de animación e recuperación da vida colectiva, senón que só o farei das sensacións que se podían respirar no seu interior onde todo semellaba moverse a outro ritmo. Alí mesturábanse grupos de estudiantes traballando en grupo en espazos idóneos para iso, lectores en hamacas ou en cómodas butacas, andeis cheos de libros e cómics, escaleiras que integraban un espazo diáfano e aberto ao exterior, en definitiva, un edificio que é todo o contrario ao que temos en Pontevedra.

E como cada ano non podo deixar de gabar o extraordinario traballo que se fai na nosa Biblioteca Pública Antonio Odriozola na rúa Alfonso XIII, onde podemos atopar novidades editoriais a diario, onde cada vez hai máis usuarios, cada vez máis préstamos de libros e cada vez máis actividades, pero onde o espazo é o que é e a imposibilidade de medrar xa chegou ao seu límite, quedando o que hai bastante envellecido, pese as reformas que se fixeron ao longo do tempo. Pero Pontevedra, co aumento da súa poboación, cunha gran cantidade de xente nova que vive en zonas agora moi afastadas desa rúa, como pode ser toda a zona da Parda, O Castañal ou a contorna de Valdecorvos ve a distancia á esa biblioteca como un obstáculo insalvable, de aí que a nosa cidade non pode permanecer máis tempo con esa grave deficiencia para o desenvolvemento da sociedade e que podería ser equiparable á falla de vivendas ante a que si as administracións se puxeron mans a obra e tanto dende o Concello como dende a Xunta de Galicia se está traballando ben e en complicidade para solucionar esa carencia.

Se como capital de provincia o Estado só está obrigado a manter unha Biblioteca Pública, si que as outras administracións terían que activar unha solución a un equipamento cultural e social con numerosos beneficios para o colectivo que serían moi extensos de explicar aquí, dende a difusión da lectura, favorecer o acceso á información ou crear comunidades cómplices entre as persoas, mais tamén, e aproveitando o lema escollido polas Bibliotecas do Estado para celebrar o seu día: "Contra a desinformación: Bibliotecas", a ninguén se lle escapa que un dos grandes males do noso tempo é a desinformación, as noticias falsas ou os bulos, con todo o que hai detrás de xerar unha distorsión na sociedade alentando opcións políticas populistas que van contra as liberdades do ser humano. Apostemos polas bibliotecas como refuxios ante esa situación e solucionemos o que en Pontevedra é unha eiva xa histórica.

Comentarios