A caverna de Platón nas redes
Falaba Sócrates, como acostumaba, a carón de Glaucón. Na procura de coñecemento, porta á beleza e ao ben, pídelle que imaxine a un grupo de prisioneiros encadeados nunha caverna. Sentan fronte a parede onde unha fogueira proxecta sombras de obxectos e persoas que pasan. Cren que é a realidade. Un deles escapa e descobre a mentira. Volve para comunicar a boa noticia aos compañeiros. Pero, acostumados á felicidade morna e castradora da penumbra néganse a admitir o erro e matan o mensaxeiro da luz: o sendeiro da verdade resulta perigoso. Non queremos que ninguén interrompa a vulgaridade adormentadora das sombras.
Recorda Platón ao seu mestre nun diálogo no libro VII da República. De cómo liberar da escuridade os que enganados polos sentidos non queren abrir os ollos ao coñecemento. Pasa agora. Tantas, tantos atrapados na arañeira das redes. Alleos á luz que mira máis aló das sombras.
A resposta é a educación que, nas mans equivocadas, é negocio, números, leis xerais contra. A educación fomenta valores culturais, crítica e autocrítica, dúbida razoable contra a domesticación, os populismos, a estupidez. Avisa dos medios que venden medos, alerta das tripas contra o cerebro. Na caverna das redes falta luz. Menudean as sombras dos consumidores, dos votantes mansos, dos grandes números da economía, bombas de reloxería contra un planeta exhausto. Sombras nas omnipresentes redes que escapan das mans. Onde pululan mensaxes en bucle, sereas influencers da nada con millóns de seguidores. Sombras na parede do consumo. Redes flautistas de Hamelin cara a amnesia total. Obnubilados e alérxicos á filosofía que axuda a vivir, ao tempo lento e esixente dos libros, que alertan contra o regreso dos totalitarismos.
As redes séntannos na escuridade morna da caverna. Para non ver, para non pensar. Para vivir unha realidade ficticia, falsa, trampulleira iluminada pola fogueira dos algoritmos, das imaxes, mensaxes e masaxes. Que arrincan á mocidade do tempo de soños e a ancoran no narcisismo dos selfis, no presentismo, na banalidade.
"Quedei desfalecido na procura da verdade", exclama o filósofo grego. Escapou da caverna e sae á luz, cos ollos inmensamente abertos á escoita, á lectura atenta nos libros, á reflexión, ao silencio, á ebullición do cerebro nas bibliotecas. Para rachar cos que matan cada día os mensaxeiros da luz. Ladróns do tempo, trituradores da memoria, zombis das neuronas.
Temos a obriga de ser humanos á procura da verdade, da xustiza, da beleza. Polo que cómpre saír á luz, co cerebro en carne viva, militante na busca teimuda do ben, do coñecemento. Abandonar a penumbra para se transformar en exploradores da luz, rebeldes con causa contra a mentira das sombras que venden tramposos de moral distraída. Na caverna das redes.