A liberdade vive nun libro

Por iso é tan bo ler. Non para volverse literato ou poeta, senón para non ser escravo, di G. Rodari. Podemos empezar polos seus libros Gramática de la fantasía, ou Contos por teléfono.

Librerías e bibliotecas públicas, espazos da liberdade co arrecendo dos libros. Imprescindibles neste ecosistema de présas e ruído. Con tantos naufraxios ao redor, cada libro, Balsa da Medusa de papel, impide que afundamos.

Ventás ao pasado, porta ao futuro, latidos vivos dos mellores dos nosos. Que contan, falan, educan. Que nos levan da man do papel máis aló dos cativos límites da nosa experiencia. Sen eles non seriamos quen somos. O poder da sagrada letra impresa conta tanto que non podía ser ignorado polas élites, polos escuros poderes. 

Os libros gardan a memoria. Vacinan contra o esquecemento. A fin de contas, recorda Z. Bauman, construímos sobre auga e camiñamos como forasteiros pola propia vida. Onde as dúbidas son máis fecundas que os dogmas. 

As présas, as formas efémeras de comunicación nas redes afastan da gran literatura. Profesores universitarios contan que para unha porcentaxe notable do alumnado o libro preferido é Harry Potter. Debe ser o por iso que as pílulas condensadas, efémeras de tiktok, twitter, facebook, instagram teñen tanto éxito. Os libros, onde habita a liberdade, esixen ferramentas de conquista: tempo, silencio, o cerebro en ebullición. E actitude crítica contra as xigantes da manipulación. Os que máis saben son os que máis buscan. Os máis libres e menos domesticables son os que dudan.

A liberdade dos libros ameaza a ditaduras e fascismos. En 1933 alumnos e profesores nazis queimaron na Opernplatz berlinesa 25.000 libros de autores tan perigosos como Zweig, Mann, Brecht, Einstein, Dostoievski, Freud, Kafka, Tolstoi. No catón nazi non collían autores xudeus, liberais, marxistas, estranxeiros.

A liberdade que fundamenta os valores democráticos e laicos da mellor Europa, a UE, non esquece que na II Guerra Mundial queimáronse cen millóns de libros, a maioría na URSS de Stalin. Aínda emociona que, como no pesadelo Fahrenheit 451, os versos de Anna Ajmátova foran memorizados por amigos para que chegaran ata nós. O nazismo, coa súa pretensión de reescribir a historia, non quedou atrás na cruzada contra a liberdade dos libros.

O nacionalismo radical, os fanatismos relixiosos colocan na diana a escritores como Saviano, Rushdie, Mahfuz ou Z. Iqbal. A liberdade atesourada en cada libro foi asasinada en Croacia por nacionalistas que queimaron libros non croatas. Os talibáns devastaron bibliotecas afgás. En 2003, coa invasión de EE.UU., ocorreu o saqueo da biblioteca de Bagdad e en 2014 o Daesh destrúe a de Mosul.

Si, ten razón Margarit, a liberdade é unha librería, unha biblioteca pública. Onde habitan os libros.

Comentarios