Lodoselo, semente de futuro no rural
Mestre de escola. Afervoado crente na potencia educativa das familias e o seu tesouriño: nenas e nenos. Hoxe, no equipo que bota cada día a semente que produce o cento por un no CDR O Viso, na Limia ourensá. Toño de Lodoselo, máis aló de haxiografías amables, é xubilado a xornada completa no centro de día, na aldea-escola, comedor escolar, vivenda comunitaria, programa Xantar na Casa nun ecosistema de familia grande, próxima, necesaria que é a veciñanza. Ten algo de utópico militar con tanta fe e entrega nun rural esquecido por gobernos urxidos por Aves, triplicados aeroportos, portos multiplicados, infraestruturas xigantes sobre océanos de recursos.
Na aldea de Astérix de Lodoselo "resisten agora e sempre ao invasor". Tentando teimudamente vivir en comuñón co medio. Bombeando sangue novo en arterias envellecidas. Apostando pola formación e emprego para fixar poboación. Coidando dos anciáns con infinita tenrura. E, contra toda esperanza, apostando polo futuro.
Centro de Desenvolvemento Rural, palabras grandes para realidades miúdas e veciñas, as máis importantes. Solucións para hoxe, que mañá tamén sairá o sol. Cómpre mimar aos que viven a carón. Pisar e ulir a terra. Vivir con ambición a humildade que caracteriza a quentura que se comparte. E as sementes, "a máis pequena convértese nunha árbore onde os paxaros colgan os niños". Mt.13:35.
Esta Galicia invisible está chea de historia e cultura. Toponimia e natureza. Pegadas, paisaxes, ecosistemas. Herdanza dos netos e doutros veciños vivos. Terras e xentes nunha alianza entre o urbano e o rural onde o futuro será compartido ou non será. O rural non é paraíso perdido, ecolóxica arca de Noé de bos sentimentos e culpabilidades. Son e están. Apoiándose mutuamente. Capaces de cooperar "vivindo en harmonía con nós mesmos, cos demais e co medio". Onde a casa é tan importante que ten nome propio e os lugares son sinal de identidade. A vida compartida multiplícase en simbiose cun medio onde todo nos fala. Coidamos doutros e outros coidan de nós, filosofía sensata desta experiencia vivificadora nun rural tantas veces zona de expolio. Onde perden cousiñas a cachos: casas, o bar, o cuartel da garda civil, farmacia, sucursal bancaria, comercios, memoria inmaterial. E, ao fin, a amputación máis dolorosa, a escola. Escolas sen nenos, nenas sen escolas: pobos desadornados de xente.
E tamén experiencias de éxito, de resiliencia. Puntos de atención á infancia, casas-niño, Ceip. Ou este centro de referencia a nivel galego, o CDR O Viso, ilusionante traballo de carácter social, educativo, económico, formativo e de emprego. Onde acenden cada día luz que se comparte. Versos onde militan os bos e xenerosos. E sementes de futuro para mil primaveras máis. En Lodoselo.