Se Deus fose músico…

Pareceríase a Beethoven. Con Bach e Mozart, trindade no Olimpo dos Músicos. Xusto en maio cumpríronse 200 anos da estrea da 'Novena sinfonía' no Kärntnertortheatre. Ata alí chegou, conmovido pola súplica dos vieneses, coa angustia de dúas presións, a da estrea e a da xordeira.

Sentado no escenario, de costas ao público, tenta dirixir a orquestra pero músicos e coro só atenden á batuta do director oficial. Completamente xordo non se decata de que os dous mil asistentes ao concerto interrompen a obra con aplausos que o compositor non pode oír. Algo vimos na película ‘Copying Beethoven’ de Agnieszka Holland.

Angustiado pola xordeira desde os vinteseis anos, semella un deus caído. O ADN revelaría que só era un ser humano que padecía hepatite, que a cirrose acabaría por matalo cedo. Como a Mozart. Como a tantos elixidos. Pero o compositor, tan humano, resulta que é inmortal. Que as súas composicións son moitas, ata 138. E ducias de traballos publicados despois da morte en 1827. O xenio 'inhumano' a quen tanto debemos, morreu con 56 anos. A xordeira, as enfermidades non frearon a obra xigante. Contan os entendidos que revolucionou a música. Co drama para un músico de imaxinar, compoñer e crear os máis fermosos sons e non poder escoitalos. Estremece, emociona que unha obra tan complexa e revolucionaria fora composta cando Beethoven xa estaba sordo. A arquitectura dunha obra tan bela eran matemáticas no seu cerebro.

Soan os aplausos na estrea aquel 7 de maio. Son aplausos de silencio. O entusiasmo pola obra sublime manterase no mundo sen fronteiras da música clásica. Por primeira vez unha sinfonía incorporaba unha parte coral, a 'Oda á alegría' de Schiller cunha melodía xa imborrable na nosa memoria. Un diálogo de beleza co mundo enteiro. E un potencial de luz e humanidade que levou a UE a adoptala como himno. Alegato de alegría, liberdade e fraternidade universal, onde 'todos os homes e mulleres vólvense irmáns'. Algo necesario neste tempo de odios, polarización e cainismo. A súa música soa para bos e malos. Fainos mellores.

A 'Novena' éche unha sinfonía para o mundo. Cunha fermosa e enérxica mensaxe a prol da paz e dos homes e mulleres de boa vontade. Así, en 2006 foi interpretada, quen ía dicilo, pola West-Eastern Divan Orchestra, mestura de músicos novos israelitas e árabes. Tocaron pola resolución do enquistado conflito que hoxe incendia Gaza, onde a sección de percusión das bombas impide oír a melodía da paz, as voces da alegría. Imponse a xordeira do cainismo e a mala vontade. Os xordos ás mensaxes da beleza e humanidade acabarán entre cascallos de esquecemento. Permanecerá a conmovedora música da '9ª sinfonía'. E dentro doutros dous séculos seguirá convocando á fraternidade universal. Beethoven, un xenio divino, un deus tan humano.

Comentarios