Mirar a hora
Cambia o tempo, cambian os mundos, as ribeiras, os traballos, as historias e a historia. Cambian as manifestacións culturais, as persoas, a beleza, a formación e as miradas. Todo cambia e non pasa nada, o mundo segue avanzando e asumindo os cambios no temón de mando, para que todo siga polo raíl asignado, marcado polos que puideron marcalo para defender o seu e o dos seus, nada máis. Se alguén quere que vaiamos por fóra do carril, que saiba que hai moita xente disposta a camiñar libremente.
Cambia a hora, para pasar ao horario de inverno e despois cambiará de novo para pasar ao horario de verán. Está ben ou está mal? A cidadanía non o sabe. Moita xente pasa horas e horas buscando en distintas páxinas de internet argumentos en favor dunha ou da outra postura, pero acaban cunha enorme confusión, sen saber que lles convén. Os científicos discuten, presentan e escoitan relatorios perfectamente escritos e razoados, uns para alentar ao cambio e outros totalmente contrarios ao mesmo.
Hai expertos que insisten en que o cambio de hora afecta de distintas maneiras ao organismo e ás rutinas diarias das persoas. Outros consideran que favorece a produtividade e máis renda para as empresas e para o traballo. A cidadanía pode fiarse do sistema ou desconfiar del, pero sen datos, sen seguridade e sen capacidade. Os que determinan se hai ou non hai cambio, son os que queren marcar o ritmo do paso do noso pobo e dos outros pobos do mundo. Cando sexa, xa veremos que acordaron, mentres tanto, paciencia ou indignación.
No que vai de século, outros cambios foron espectaculares, de modo especial nos eidos tecnolóxicos e no ámbito das comunicacións. O teléfono móbil é un exemplo. Foi quen de revolucionar a forma de vida das distintas sociedades, converténdose nunha ferramenta para calquera traballo, para aprender, para ler, para viaxar, para conducir, comer, pagar e amar. E, independentemente do cambio de hora, o teléfono indica perfectamente, e en punto, a hora de espertar, lavarse e arrancar ou conectarse para traballar.
Viaxar polo mundo a calquera hora, calquera día ou de noite. Traballar dende o aeroporto, no tren avariado, na casa da familia ou no hotel de pago. Sempre a mirar a hora, de verán e de inverno. Sempre, inevitablemente, con atención aos cambios horarios. Madía leva!