Por desesperación
Dixérono na radio e tamén deron a nova os xornais. Unha mala e triste nova, a dun home morto no seu cuarto, do seu piso, da súa capital, con xente correndo de arriba para abaixo, para un lado e para o outro; coas pombas mortas e musarañas mortas acompañando o cadáver de Antonio. Alí, no medio da multitude, estaba só e sen falar con ninguén. Se acaso, escoitaba o ruxir dos paxaros que se achegaban por unha fiestra medio pechada, comían do que había e marchaban. Con aqueles visitantes era con quen falaba. Tíñalles nome a cada un deles e todos respondían á chamada.
Non se sabe cando, pero un día, sen que a veciñanza o notara, quedou durmido no chan do cuarto e foi podrecendo e desaparecendo lentamente ata que, un destes días, as autoridades locais atoparon os seus ósos envoltos na chaqueta súa. Canta xente e canta soidade, canta miseria e canta fartura. Efectivamente, parece que no mundo rico amontóanse a miseria e a pobreza, mentres foxen os coñecidos, os iguais, os amigos, os parentes e, poida que tamén, os fillos.
Na radio e na prensa aparecía estes días outra nova, ben interesante e alentadora, dando conta de que "a poboación mundial vive máis ca nunca", segundo os datos do informe da Carga Global de Enfermidades, publicado pola revista The Lancet. Ao parecer a esperanza de vida a nivel global, en 2023, era vinte anos máis alta que a mediados do século pasado.
Este informe indica que a esperanza de vida se sitúa, de media, nos setenta e seis anos para as mulleres e nos setenta e un para os homes. O informe sinala as diferencias que se producen segundo o nivel socioeconómico do lugar onde se nace e onde se vive. Naqueles países do planeta con máis ingresos, as mulleres e os homes teñen, de media, máis de oitenta anos. Nos países pobres é outra cousa; en África subsahariana, por exemplo, a esperanza de vida é de trinta e sete e trinta e cinco anos de media para as mulleres e para os homes, respectivamente.
En determinadas rexións de América do Norte e América Latina incrementáronse as mortes na mocidade. Son mortes por desesperación, por sobredose de drogas e/ou alcohol, por suicidio e por mor de problemas derivados de cuestións económicas, sociais e psicolóxicas. Como di a Tía Manuela, "este padecemento esixe un amaño".