A voltas co galego

Que o idioma galego é a 'lingua propia de Galicia' figura escrito no Estatuto de Autonomía de Galicia (Artigo 5.1), da mesma maneira que o éuscaro e o catalán son tamén ‘linguas propias’ dos seus respectivos territorios, e así figura tamén nos seus Estatutos, que son leis orgánicas do Estado español. O castelán, como o seu nome indica, refírese a Castela, e por extensión política —’procedan con violencia, que es lo suyo’, diría ValleInclán— acabou impoñéndose no vello ‘Galliciense Regnun’, aínda que o castelán fose no seu día un subdialecto vulgar do galego medieval, e polo tanto posterior ao galego naquela altura, idioma este que na actualidade (Filipe Coelho) se fala en Portugal e en diferentes continentes do planeta.

Outro cantar —o dos tempos presentes— é que o idioma castelán (así mesmo denominado español) sexa tamén oficial na circunscrición galega, gobernada pola Xunta de Galicia, órgano colexiado e máximo de goberno do noso país. E isto é así. Galego, lingua propia e oficial, e castelán tamén lingua oficial. Esa é a realidade. Mais xorden preguntas. Porque a máxima autoridade da Xunta de Galicia acaba de afirmar que «as linguas non se implantan desde a imposición senón desde o cariño». E a este respecto ofrécenos datos incontestábeis o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, o profesor Marcos Maceiras: educación infantil en galego, 7%; xoguetes en galego, 0,4%; presenza de galego na programación televisiva infantil, 0,8%; presenza do galego na Xustiza, 1%. U-la imposición? U-lo cariño?

Calquera sabe, por exemplo, que, a día de hoxe, as nenas e os nenos entran na escola falando galego e saen dela falando castelán. E isto habería que miralo con moito ‘agarimo’ de política educativa, e con moito ‘sentidiño’ no que atinxe á liberdade de seren os nenos educados no coñecemento do galego e á posibilidade, lóxica, de poderen estes falar, libremente, con plena naturalidade, no seu e ‘noso’ idioma propio, e facendo uso da máis cariñosa e amábel legalidade, espontaneidade e albedrío.

Como isto non acontece e a escola está a ser un poderoso axente ‘desgaleguizador’ (informe da RAG, 2018) sería bo, en aras da liberdade, da non imposición e do cariño lingüístico, corrixir esta grave anomalía. Non podemos permitir que se derrube o Pórtico da Gloria, perfecta metáfora de Castelao sobre o xenio, creatividade e beleza do noso idioma.

Comentarios