As mans porcas

No ano 1948 estreaba Sartre en París unha obra de teatro titulada Les mains sales, e máis alá da temática e da trama política en concreto desta peza teatral —a nós interésanos na obra a reflexión sobre o que atinxe á violación das normas morais—, o título sartreano lévanos, por contraposición do sintagma e da imaxe creada, a reparar nesa sorte de pseudosindicato —volve estar de actualidade— que se autodenomina Manos Limpias e que foi fundado por un avogado ultradereitista e fascista de pura práctica, Miguel Bernad Remón, quen chegou mesmo a se presentar nas listas do Frente Nacional de Blas Piñar ao Parlamento Europeo.

Agora este señor e a súa organización —premiada, por certo, pola fundación Francisco Franco dados os seus "servicios en defensa de los ideales del Movimiento"— presentan unha denuncia contra Begoña Gómez, esposa do presidente Pedro Sánchez, só baseada en informacións interesadas de xornais dixitais e un 'bulo', e inmediatamente o xuíz Juan Carlos Peinado admite a trámite a denuncia, abre unha causa penal —a Fiscalía xa lle pediu arquivala porque non hai indicio de delito ningún— e as 'mans limpas' de Bernad brillan e rebrillan na escuridade do posíbel e preceptivo 'lawfare' en acción expansiva, sincronizadas elas e ben acompasadas no seu saúdo á nada, mentres resoan, con triste razón, as palabras lúcidas de Mónica Oltra: "Estannos a fulminar un a un con denuncias falsas e o día que vostedes queiran reaccionar xa os terán fulminado tamén a vostedes".

O xuíz, tan atento ás mans profilácticas e preventivas do señor de brazo solar en alto, decretou con suma delicadeza 'segredo do sumario', e un supón que estará a investigar sen pausa, animado pola súa propia e neutral profesionalidade; aínda que o segredo documental que fixou con grande compostura pode durar, como segredo en si, varios meses. Os oito retallos de prensa nos que se basea a denuncia coleccionounos Bernad bebendo información latrineira e ben subvencionada por gobernos de purísima concepción. O 'lawfare', que é un concepto australiano dos anos setenta do pasado século e que se mostra como un golpe de Estado en tic-tac, funciona aquí como un reloxo suízo.

Lembran vostedes a xuíza Alaya? E a xuíza Pilar de Lara? Limpísimas mans sartreanas todas. Ou húmidas, do latín 'sucidus', etimoloxicamente. A este paso as 'mains sales', mans suxas, taparannos a boca.

Comentarios