Deshumanización

Ceibar máis de 25.000 toneladas de explosivos sobre pouco máis de 360 quilómetros cadrados, constitúe unha matanza en toda regra 

Asistimos na actualidade, con grave preocupación e fondo malestar de carácter ético e político, a acontecementos na esfera internacional que acenden ao máximo as luces vermellas no conxunto do que entendemos por ‘humanidade’, é dicir, os seres humanos que existimos configurando pobos e sociedades. Contemplándomos o xenocidio que está a levar a cabo o exército israelí en Gaza —con Netanyahu como supremo responsábel— debemos situarnos, como o filósofo, "fronte ao devir funesto da violencia e a barbarie", e rebelarnos de inmediato para defender o valor e a dignidade da vida humana, reaccionando con indignación cando unhas vidas están sendo degradadas ou evisceradas sen consideración ningunha ao seu ‘valor como vidas’, tal como enuncia a filósofa xudía Judith Butler.

Diante dos incesantes bombardeos sobre Gaza efectuados polas forzas armadas israelís, o xefe da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos, Philippe Lazzarini, non dubidou en afirmar que ‘a poboación enteira de Gaza está a ser deshumanizada’, e todo o mundo civilizado lembra, aos efectos, cando o primeiro ministro de Israel se refería aos gazatís textualmente como ‘animais’, ou cando unha exministra de Xustiza reclamaba que había que matar as nais palestinas para que non enxendraran máis ‘serpentes’, pois así son denominadas as nenas e os nenos palestinos nos ámbitos do poder israelí de extrema dereita.

Cando xa se supera a cifra de 20.000 persoas mortas por ataques de Israel na Palestina, con máis de 8.000 nenos asasinados, cabe falar, alén do xenocidio e do infanticidio evidentes, da existencia dunha caste de discriminación de carácter biopolítico, pois a tendencia dominante nos círculos dirixentes israelís é a de considerar os palestinos en xeral como ‘seres inferiores’ —aí xa non existen os dereitos humanos—, ou mesmamente, en palabras do propio Netanyahu, por iso se libra unha guerra ‘entre os fillos da luz e os fillos da escuridade’.

Ceibar máis de 25.000 toneladas de explosivos sobre pouco máis de 360 quilómetros cadrados dun territorio con 2,26 millóns de habitantes, constitúe unha matanza en toda regra, e neste intre os ‘animais’ superviventes na gaiola da cinza e do negrume comezan a morrer de fame, de sede e de enfermidades infecciosas.

Xa non se trata dunha crise humanitaria de raíz criminal. Estamos diante dunha deshumanización da humanidade mesma.

Comentarios