Un documental de Carlos Lorenzo

CARDOÑA, fotos a 7 pesetas é un documental, con guión, produción e dirección de Carlos Lorenzo, que se está a converter nun dos máis importantes fenómenos culturais dos últimos tempos. A día de hoxe esta creación audiovisual galega xa ten participado no formato de Selección Oficial en 24 festivais internacionais de 13 países, obtendo 7 recoñecementos de gran importancia, entre eles un Premio ao Mellor Director de Curtas Documentais en Brasil, un Premio ao Mellor Documental na India e un Premio Honorífico ao Mellor Documental de Arte e Historia en Australia.

O público de Venezuela, Portugal, Rusia, Arxentina, EE UU, Francia, Turquía ou Canadá, entre outras nacionalidades, xa visionou e recoñeceu a historia persoal e a obra fotográfica de Cardoña (José Gestal), fotógrafo popular entre os anos 40 e 70 do pasado século en Carral e obxecto central do traballo memorialístico e artístico de Carlos Lorenzo, fotógrafo el tamén de máximo interese con varios libros publicados e na actualidade presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

A obra audiovisual de Carlos Lorenzo sobre Cardoña —un obreiro da foto, como el mesmo o denomina— é dunha emotividade discursiva, cinematográfica, extraordinaria. Con excelente calidade formal —vese aí a intelixencia en imaxe e realización de Xosé Bocixa—, o documental de Lorenzo conta coa voz narrativa (un luxo) de María Barcala, as intervencións de profesionais e expertos como Xoán Piñón, Carlos Castelao, Manuel Sendón e Xurxo Lobato, e o testemuño fondamente humano de Matilde Gestal, filla do fotógrafo carralés.

E neste documental de Carlos Lorenzo sobre o fotógrafo José Gestal faise realidade aquilo establecido por Dziga Vertov, referencia inescusábel na historia do cinema documental, cando defendía un equilibrio —lembránolo Magdalena Sellés— entre a captación da realidade e a súa reconstrución estética. Captación da realidade (histórica) a través das fotografías admirábeis de Cardoña, e reconstrución estética —e ética, diríamos nós— da vida e da obra dun fotógrafo humilde, ambulante, autodidacta e, na fin de contas, xenial.

Non é de estrañar o éxito internacional da obra documental, pelicular, do director Carlos Lorenzo. E o poema final, da autoría da gran poeta que é Emma Pedreira, supón simplesmente un disparo de emoción que nos toca o pasado, o presente e o futuro.