Guerra e negocio

As cinco maiores compañías petroleiras do mundo obtiveron, dende que comezou a guerra na Ucraína, hai agora dous anos, uns beneficios que superan os 260.000 millóns de euros. Dúas delas, británicas, acadaron 58.900 millóns, unha, e 35.000 millóns, outra. E as outras tres, estadounidenses, atinxiron en beneficios combinados máis de 173.000 millóns de dólares. Velaí a guerra, pois, como unha forma altamente rendíbel de negocio. Davi Montesinos, investigador do Centre Delàs de Estudos pola Paz, conclúe que existen persoas e empresas sen escrúpulos, os war profiters, que converten as guerras en negocio e que as aproveitan para se lucraren amplamente con elas: guerras organizadas polas élites de poder (sintagma preciso do sociólogo C. Wright Mills) e ‘mercaderes da morte’ actuando en toda a súa extensión. 

Mais dende o comezo desta guerra ruso-europea e estadounidense tamén hai que saber que o denominado índice en Bolsa da industria de Defensa —na UE, nos EE.UU. e no Reino Unido, en primeira instancia— experimentou unha subida do 24,5%, duplicando así o crecemento da Bolsa global. A denominada industria defensiva, enténdase militar, está, pois, disparada en beneficios. E se tomamos como referencia a guerra de ocupación de Gaza vemos tamén como a cotización en Bolsa das empresas multinacionais de armas, na UE e nos EE.UU., tivo un incremento dun 15% de media. É dicir, as grandes compañías de armamento —con USA á cabeza: 51% das exportacións mundiais— superaron mesmo os seus máximos históricos de comercio e de lucro.

En definitiva, as guerras que hoxe están a borrar calquera signo de humanidade nas altas esferas do poder —alén da barbarie consumada, o xenocidio e a destrución xeral— son un negocio redondo para as fábricas de armas e para as compañías petrolíferas. Parafraseando a Carl von Clausewitz, a guerra, sendo a continuación da política por outros medios, constitúe tamén un acto de violencia que levan a cabo as elites económicas e políticas dirixentes, ben para obrigar o adversario a acatar a súa vontade, ben para roubar e explotar os recursos do país, pobo ou territorio a subxugar e someter. 

E parafraseando tamén a Jean-Paul Sartre, cando os ricos fan a guerra, concibida esta como negocio pola superioridade dirixente, son sempre os pobres os que morren. O triunfo da inhumanidade criminal dos dominadores sobre os súbditos.

Comentarios