Inminencia de guerra
O xornalista Enric Juliana, sempre elegante no seu protocolo diplomático expresivo, acaba de alertarnos sobre a existencia entre nós dunha "espiral de propaganda para introducir na poboación a inminencia dunha guerra". E a observación do autor de España en el diván —existe, por certo, un texto de Avilés de Taramancos titulado Galicia no diván— fainos lembrar a tese do xornalista e escritor polaco Ryszard Kapuscinski, a soster este que as guerras sempre comezan moito antes de que soe o primeiro disparo, pois teñen o seu principio cando se produce un "cambio de vocabulario" significativo na textualidade dos grandes medios de comunicación, e agora nos interesados, e tantas veces confusos, circuítos das redes sociais.
Xa o grego Pericles no seu tempo —boa mestura persoal de xurista, político e militar no século V a. C.— defendía que a guerra, dadas certas circunstancias, era unha necesidade e que ademais resultaba inevitábel, dado o "expansionismo" reinante na época, e velaí, por exemplo, a guerra do Peloponeso. Na actualidade, máis alá da guerra convertida en negocio polo complexo militar-industrial existente e alén do ánimo lucrativo e de dominio de certas elites dirixentes, o expansionismo, en forma de ameaza e de realidade, segue a ser un dos motivos determinantes para levar a cabo actos de guerra.
Dun tempo a esta parte resulta evidente que, dende certos ámbitos, se está a normalizar, e en certa maneira naturalizar, a posibilidade e mesmo a vixencia ou "validez" dunha ou varias guerras. Todo está na realidade. Como ese documento do exército alemán filtrado á prensa no que se contempla "un inminente estalido de guerra no verán de 2025" entre Rusia e os países que forman parte da Organización do Tratado do Atlántico Norte. Resulta isto verosímil ou admisíbel? Podemos aceptar, coa boca calada, tal grao de irresponsabilidade civilizatoria?
O ánimo belicista imponse, sen dúbida, no vocabulario: na crecente verbosidade reinante. A Europa da razón, da ciencia, do pensamento e das artes, outrora luminosamente activa e celebrada, semella ausente, convertida neste intre en satélite da mediocridade política angloamericana. O clamor kantiano testificando que "non debe haber guerra" ficou esquecido. E toda guerra —remarcaba o vello Hemingway— é un crime que destrúe a sociedade. A cidadanía consciente e crítica non debera permitir tal canallada.