Lectura e saúde
No club de lectura que coordinamos en Carballo o sociólogo Santiago Pazos e eu mesmo, e que constitúe un paradigma de participación activa con frutíferos e proveitosos debates, utilizamos como lema aquela vella aserción de Flaubert que sinala que hai que ‘ler para vivir’. E ao mesmo tempo, ampliando o sentido flaubertiano da lectura, chega a nós a afirmación de Antonio Gamoneda —pura bioloxía poética— que establece case como unha revelación que ‘ler é vivir dúas veces’.
Coñécese moi ben, a través da obra do doutor Glenn Doman, un experto no tratamento de lesións cerebrais infantís, unha definición de lectura que apunta a "unha das máis altas funcións que realiza o cerebro humano", sendo así que o seu cultivo e proceso de aprendizaxe favorece en grao sumo o desenvolvemento intelectual dos meniños. Mais non só o progreso e a mellora do intelecto dos nenos e das nenas, pois a lectura, como é ben sabido, tamén en adolescentes e adultos, estimula as capacidades cognitivas de todo tipo, mellora o estado de ánimo persoal, activa diversas competencias e capacidades cerebrais, e actúa expresamente —é dicir, intervén e inflúe— na redución do estrés e da ansiedade, beneficiando mesmo a saúde mental das persoas que len.
É, pois, a lectura terapéutica? Sen dúbida. Xa a cultivaban os antigos exipcios nesa dimensión particular, e nos hospitais psiquiátricos de Alemaña, Francia ou Escocia —en pleno século XIX— a lectura formaba parte da prescrición médico-curativa e rehabilitadora. E aínda hai máis. Un estudo realizado na Universidade de Yale revelou no seu día un vínculo altamente significativo entre a lectura de libros e a lonxevidade. Mellor calidade de vida perceptiva e intelixente, sen dúbida, e vida máis longa e con maior benestar psicolóxico persoal. Até a OMS acabou por recoñecer que a lectura, ademais de nutrir o pensamento e a vida diaria no plano anímico, sensíbel e afectivo, é capaz de xerar "recursos psíquicos sostedores de situacións emocionalmente angustiantes". É dicir, a lectura é unha excelente ferramenta que axuda a vivir máis, fisicamente, e mellor, mentalmente.
Por iso resulta moi preocupante a non existencia entre nós de verdadeiros plans de promoción da lectura, o que sería tanto como levar a cabo programas de prevención en saúde individual e pública. Parafraseando a Bradbury, sen lectura non temos nin boa saúde nin bo futuro.