Lectura en galego

Pódese situar cadaquén, no que respecta ao estado do idioma galego na actualidade, nunha posición de certo optimismo por elevación, digámolo así (existen casos), ou facer uso dunha actitude de pesimismo emocional, emanado do vivido e do sentido, o que acaba producindo un escenario en negro e baleiro: a indicar pouco ou mínimo futuro para a nosa lingua. E tamén existe, madia leva, unha condición máis ou menos equidistante: as cousas non van tan mal, é un idioma de séculos (mantén a súa forza) e debemos ter confianza no seu devir como tal. Elixan vostedes a súa opción particular ao respecto.

Outra cousa son os datos obxectivos existentes, e recentes, no que atinxe á lectura en lingua galega e que veñen dados polo Barómetro de Hábitos de Lectura 2023 realizado pola Federación de Gremios de Editores de España, entidade da que forma parte a Asociación Galega de Editoras. E a realidade é brutal ou bárbara, como vostedes distingan. Só o 3,1% da poboación galega declara preferir a lectura en idioma galego —esta é a realidade—, sendo así que o 96,2% elixe ler expresamente en castelán; e un 0,7%, ollo ao dato, noutros idiomas.

Temos en Galicia unha creación literaria clásica e contemporánea de primeira magnitude —á altura hoxe no plano estético, pola súa calidade intrínseca, de calquera outra literatura europea—, mais esta substantividade non se corresponde, cos datos ben á vista, co interese lector amosado pola sociedade galega. Porque, afinando aínda máis no estudo que nos ofrece a FGEE, o galego só chega a ser "lingua habitual de lectura" para un máximo fixado no 0,8% da poboación do país, porcentaxe esta que acende, ou debera acender, unha luz vermella no corazón mesmo da nosa realidade cultural, social, escolar-académica e mesmo no que toca ao político e ao civilizatorio.

erán algo que dicir ao respecto as autoridades responsábeis desta desfeita lectora no idioma que vai do medieval Martín Códax á contemporánea Pilar Pallarés? Acontece isto da mesma maneira en Cataluña ou en Euskadi? Pode permitir a sociedade galega actual un nivel tan baixo —abismal— en lectura? Respondan a isto autoras e autores literarios, editoras, librarías, bibliotecas, profesorado, institucións culturais e entidades públicas relacionadas coa materia. Como dixo Mempo Giardinelli: "Un pobo que non le —no seu idioma propio, engadimos nós— está condenado á extinción".

Comentarios