Luz sobre Carmiña Sierra

A profesora Aurora Marco acaba de publicar un libro que é a un tempo modélico e conmovedor

Existen mulleres extraordinarias e senlleiras, tanto se nos referimos á súa personalidade como no tocante á súa influencia ou referencia no plano do social, cultural ou político. E Carmiña Sierra Domínguez (Pontecesures, 1906–Caracas, 1996) é, sen dúbida, unha delas. Outra cousa é a invisibilización e o esquecemento que operaron sobre as mulleres en diferentes ámbitos nas sociedades patriarcais e machistas, lacras que afortunadamente están en vía de seren superadas, aos poucos, cando menos, no tempo e no espazo máis próximo a nós.

O traballo de recuperación do nome e da traxectoria vital de Carmiña Sierra —personalidade que nos conmove dende o primeiro intre— foi realizado por outra desas mulleres extraordinarias e indispensábeis, neste caso por unha investigadora e escritora exemplar que leva máis de trinta anos especializada na restauración da memoria de mulleres galegas en ámbitos diversos e particularmente no que afecta á reparación —desagravio necesario— das mulleres represaliadas. A profesora Aurora Marco, que é a nosa investigadora, acaba de publicar un libro que é a un tempo modélico, por metódico e rigoroso, e conmovedor, polo que nos descobre e nos transfire.

Titúlase a obra da que estamos a falar Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos (Alvarellos, 2023), un volume que nos permite rescatar unha figura até agora descoñecida, claramente pioneira no seu tempo, xa como catedrática de Literatura Española —estudou Filosofía e Letras en Compostela—, xa como formante de pleno dereito, con lúcido ánimo galeguista, e nada máis constituírse, dende o 16 de novembro de 1923 —tiña ela dezasete anos—, da máxima institución cultural e científica creada por intelectuais galeguistas, na que interviñan, entre outros, Castelao, Vicente Risco, López Cuevillas, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde e Lois Tobío.

Carmiña Sierra —Galiza ocupou sempre o seu pensamento, lémbranos Aurora Marco— exerceu a docencia en Sanlúcar de Barrameda, Linares, Ciudad Real e no Instituto Obrero de Madrid. Foi militante do Partido Comunista de España e, detida pola súa militancia política antifranquista, coñeceu o cárcere por espazo de tres anos. A comezos dos anos 50, acabaría exiliada en Venezuela. O libro de Aurora Marco, ateigado de documentación e fotografías, é un tesouro literario. E Carmiña Sierra non deixa de nos entrar no corazón.

Comentarios